Santo Andrés de Zas, capital municipal dende 1836

evaristo domínguez rial e xosé maría lema suárez

ZAS

XOSÉ MARÍA LEMA

A igrexa parroquial, construída en 1540 polo señor da casa de Lamas, Álvaro Núñez de Lamas, ten moito interese arquitectónico

29 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Santo Andrés de Zas, a protagonista deste mes da sección Zas polo miúdo do web do Concello, foi designada capital municipal na reforma do goberno liberal en 1836, resultado da fusión dos creados na reforma de 1820 (O Allo, Zas e Muíño).

Sempre se considerara que a orixe do topónimo estaba na voz xermánica *SALA (‘pazo, residencia principal’), pero investigacións recentes inclínanse pola forma latina *SALICE (variante do fitónimo SALIX ‘salgueiro’). Apoiando esta hipótese atopamos nun documento eclesiástico de 1745 escrito o nome da freguesía como «San Andrés de Sauces» (sauces: nome castelán de ‘salgueiros’). Sexa cal sexa a orixe, o certo é que as formas históricas, polo menos ata mediados do século XVIII, foron Saz, Saaz, Sas e Saas. O paso a Zas interprétase coma unha ultracorrección do seseo ou un cambio de lugar das consoantes.

A igrexa parroquial, construída en 1540 polo señor da casa de Lamas, Álvaro Núñez de Lamas, ten moito interese arquitectónico, malia sufrir moitas reformas, xa nos séculos XVII e XVIII. De 1798 é a capela do Carme, co seu retablo neoclásico de pedra, obra de Francisco Castro Agudín, escultor de Sandrexo. En 1838 edificouse a sancristía e en 1893 a torre-campanario.

Finalmente, entre 1984 e 1987, destruíuse innecesariamente o fermoso púlpito de pedra da capela do Carme e fíxose un aberrante engadido de cemento no teito da capela maior. O retablo maior é neoclásico tardío, de 1842, obra de Cipriano Guriezo; foi pintado por José A. del Anillo. A tumba do fundador incrustouse no muro sur da capela maior e a da súa nai atópase no exterior do templo; nelas apréciase o escudo de armas dos Lamas (unha torre con dous cans), que inspirou o oficial do Concello.

É tamén moi interesante o cruceiro do Carme, no adro, de 1856; as figuras foron obra de Francisco Rodeiro, escultor compostelán; o varal de Manuel Veloso, canteiro de Baio.

Tamén narramos o longo proceso de construción da casa consistorial, unha das máis fermosas da comarca; empezárase a falar dela en 1852, pero non se puxo man á obra ata 1951.

Finalmente, faise un resumo da historia do fútbol en Zas, así como das 34 edicións da famosa Festa da Carballeira.