Fidel Otero: «Na Carballeira de Zas temos unha boa variedade de artistas para todos os públicos»

laura rodríguez / X. a. CARBALLO / LA VOZ

ZAS

ANA GARCIA

Un festival solidario, vegano e accesible para todo o mundo que se celebrará os vindeiros días 11 e 12 de agosto. Consulta aquí toda a programación!

19 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Falta menos de un mes para un dos festivais máis destacados da Costa da Morte, a 38.ª edición da Festa da Carballeira de Zas, que se celebrará os días 11 e 12 do vindeiro mes, agosto. O ano pasado foi un dos anos que máis xente houbo e contan con volver a repetir ou incluso chegar a acoller a máis xente nun evento que pretende ser para toda a familia, dende os máis pequenos ata os maiores. Con voces do indie como o grupo de Muros The Rapants, pasando polo hiphop de Dios Que te Krew, pero sempre mantendo o tradicional con Os Enxebres de Neaño ou Xurxo Fernandes, entre outros. Para coñecer máis sobre que pasará este ano nun dos encontros de música folk de referencia falamos co seu director, Fidel Otero (Zas, 1968).

—Xa comezaron a preparar as cousas para a Carballeira?

—Fomos empezando cos preparativos, pero polo de agora aínda estamos máis ben con labores de limpeza máis que nada.

—Esta edición presenta algunha novidade con respecto ao ano pasado?

—Este ano tamén colaboramos con Axpadex, parte da venda por internet será destinada á asociación. Por outra parte, buscamos, como sempre, potenciar o patrimonio, coidando sempre o medio ambiente polo que seguimos mantendo o vaso reutilizable. Tamén intentaremos ter comida vegana para intentar adaptarnos a todo o mundo.

—Decidiron manter as mesmas datas que o ano pasado

—Si, o ano pasado funcionou moi ben, polo que decidimos manter os mesmos días. Ademais facémolo para non coincidir con outros festivais, por exemplo co Pardiñas, aínda que é complicado non concordar porque no verán hai moitos eventos deste tipo.

—Xa hai moitas entradas vendidas?

—A venda de entradas vai a moi bo ritmo, máis ou menos estamos cos niveis do ano pasado, pero nas últimas semanas adoita subir máis o número de vendas.

—Cales son as actuacións máis destacadas?

—Non son moito de destacar ningún, poñer uns artistas por encima doutros considero que sería inxusto, pero eu penso que pode interesar moito Red Hot Chilli Pipers ao ser internacionais, son unha banda escocesa, poden chamar a atención ou Dios Ke te Crew o venres. Despois tamén Xurxo Fernandes, a foliada ou Uxía Lambona e Banda Molona para os máis pequenos. Creo que temos unha boa variedade de artistas para todos os públicos.

—Adoitan contactar sempre cos artistas ou eles tamén lles piden estar?

—Hai un pouco de todo, nós eliximos os grupos que máis nos interesan, contactamos con eles e despois tamén nos chegan moitas ofertas cada ano. Moitas delas, a veces, non poden ser posibles, por temas de axenda, diñeiro ou outros factores. Ao final trátase de armar un pequeno puzle con ambas opcións.

—A parte dos concertos de que outras actividades poderá gozar a xente?

—Pódese de gozar da Carballeira, do espazo, os máis pequenos tamén teñen actividades para eles. Estará Marco Mariño coa motoserra, autocaravanas con proxeccións, obradoiro. En fin, tamén haberá ambiente para a toda a familia.

O programa

Venres. A partir das 22.00: The Rapants, Red Hot Chilli Pipers e Dios Ke Te Crew.

Sábado. Tradicional mexilloada de balde, churrasco, mercado artesán e zona infantil. A partir das 12.30 ritmo de Os Enxebres de Neaño, Uxía Lambona e Banda Molona (para os máis pequenos). Tamén o Trío Caldo, Cé Orquestra Pantasma. Deseguido, a Gran Foliada con Churía, Os Petadores, Os Farrapos e Os Enxebres. Para acabar a tarde Pansenfron. A noite, Xosé Lois Romero & Alboria, Xurxo Fernandes, Uncle Bard & Dity Bastards e Ruxe Ruxe.