



































Churía e Castro-Meda, co apoio municipal, promoveron este sábado un fermoso encontro
24 may 2025 . Actualizado a las 22:37 h.O grupo Churía e a asociación cultural zasense Castro-Meda, unha das máis senlleiras da Costa da Morte, renderon este sábado homenaxe ás cantareiras do municipio. Fixérono cun acto no que tamén colaborou o Concello de Zas, con entrega de detalles da man do edil José Brenlla, e no que tiraron de lembranzas e tesouros. Entre o ano 1989 e o 2000, integrantes de Castro-Meda peregrinaron polas parroquias de Zas facendo recollidas, animados polo profesor Quique Peón, participante no tributo: «Veunos ensinar e díxonos que aquí había xente que sabía moito, mandounos ir polas aldeas, e fomos. De feito, un dos matices diferenciadores da nosa asociación é que todo o que baila Churía é recollido por nós», rememoraba unha das cofundadoras de Castro-Meda, Lupe Nieto.

Fixeron un total de 18 recollidas, e para esta xornada de homenaxe seleccionaron catro: «Para expoñelas todas precisariamos unha Semana Cultural». Durante todo o encontro, celebrado no auditorio municipal, déronlle especial importancia á recollida e traspaso do «legado», simbolizado fisicamente nunha pandeireta, un pano ou unha bola de regueifa.

Tratándose dos 80, moitas daquelas persoas que brindaron saber, homes e mulleres, xa non están, mais outras si, e foron convidadas. A viaxe comezou por Muíño, dende onde chegaron Lelucha, Benedicta e María. Elas tocaron e pasaron legado, a Susi, cofundadora de Churía. Susi fixo o propio con Noa, unha das tocadoras pequenas da asociación.

De Muíño foise ata Saconde, na parroquia de Vilar, dende onde chegou Balbina, avoa de Anxo e Patricia. Logo de ver en vídeo aos seus avós bailando, noutrora, eles fixeron o propio con Repunteada de Vilar. E, de Vilar, a Baíñas, coa presenza de Antonio de Quintanexo, 98 anos. Ángela e Silvia tocaron unha peza de súa avoa, Jota de Baíñas, e logo sumaron a Xiana, filla xa de Silvia, con Muiñeira de Baíñas. Seguinte parada: Langueirón.


A señora María compartiu coa rapaza Ángela, tamén deste lugar, unha peza local. E, finalmente, a parada derradeira: O Sisto e Budián, na Gándara. Subiron ao escenario Marta ou Noemí, descendentes de informantes no vídeo, caso de Choncha.


Todos estes documentos veñen sendo custodiados por Castro-Meda dende hai decenios, «poñéndoos en valor» e aínda hoxe en día nutríndose deles: «De feito —di Lupe—, hai pezas que aínda non puxemos en funcionamento». Escoller e poñerlle palabras para divulgar onte foi traballo intenso de horas.