Fidel Otero: «O bum do atletismo chegou a raíz do Correndo pola Costa da Morte»
ZAS

A quinta proba do circuíto será este sábado no municipio de Zas. Dá algunha clave o técnico de Deportes
05 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O circuíto Correndo pola Costa da Morte fará a súa quinta parada deste ano este vindeiro sábado. A actividade empezará pola tarde, a partir das cinco. O prazo de inscrición xa se pechou este martes.
—Canta xente se anotou para a proba?
—Había 660 xa anotados no circuíto, e en total para a carreira son 869. Isto, contando que vaian todos os inscritos, cousa que non é así, loxicamente. Confirmados do circuíto hai xa case 300, e outros 300 e pico que poden vir ou non.
—Son cifras similares a outros anos?
—Si, mesmo algo superior ao ano pasado, aínda que tamén é certo que o ano pasado coincidía ao día seguinte a 10K en Carballo, e iso sempre nos resta. E a final da Champions, tamén! Cadrara así.
—Cantidades importantes en calquera caso, non lle parece?
—A ver, estamos falando de concellos pequenos, non nos podemos comparar con grandes vilas. E quizais aí tamén resida a nosa forza, na unión deses concellos, e no marco no que vivimos. É moi positivo, si.
—Coma sempre, estarán pendentes da predición do tempo.
—Apunta bastante ben. Se está como estes días, perfecto, porque nin hai frío nin calor excesiva. Pero aínda que orballe un pouquiño non pasa nada, mellor que a calor.
—Vostede é técnico de Deportes en Zas dende 1996. Daquela aínda quedaba moito para actividades coma este Correndo, ou para o trail da filloa. E tantas cousas.
—Eran os inicios, había moi pouca actividade, pouco máis que empezar coas escolas deportivas, e así.
—E como chegou o bum do atletismo a Zas?
—Pois a raíz do Correndo pola Costa da Morte destes últimos dez anos. É un fenómeno global, todo o mundo empezou a saír a correr.
—Como van ser os percorridos?
—Son os mesmos do ano pasado, menos a 10K, que cambia un pouco, sobre todo nun sentido, con algún tramiño diferente. Moi similar ao do 2024. Non é unha carreira fácil, pero si que hai moito chan, cun par de subidas. É moi agradecida, porque pasa por espazos con sombra, á beira do río. Non todo asfalto. Creo que lle vai gustar á xente.
—Esa parte do río é a que máis lle gusta aos participantes?
—Seguramente. Hai unha parte de pista non asfaltada que pasa por zonas moi sombrías, con vexetación, e os últimos 800 metros polo paseo fluvial, que tamén gusta moito.
—E os que menos, os duros?
—Algo de asfalto que te pilla costa arriba, e a chegada, sobre todo. Os últimos 600 metros. Parece que no, pero coas forzas ao límite faise un pouco duro.
—Hai participantes locais?
—Si, claro. Sempre temos. Non moitos, pero temos.
—¿Tamén vai correr o técnico de Deportes?
—[Risas] Non, non podo correr. A min non me respectaron as lesións, e teño os xeonllos fastidiados. Fago moi pouco ciclismo. E animo a que se participe.