Dous novos clubs da lectura en Zas, para adultos e nenos

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

ZAS

O club de adultos reunirase unha vez ao mes na Axencia de Lectura de Baio, mentres que o infantil, cada tres xoves

16 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Zas pon en marcha para este novo curso 25/26 sendos clubs de lectura para adultos e para poboación infantil. A idea, explica o alcalde, Manuel Muíño, é «fomentar a lectura entre a veciñanza», pero tamén crear «un novo espazo para o encontro social arredor dos libros».

A iniciativa para adultos incluirá reunións cada segundo xoves de cada mes, ás 19.00 horas, na Axencia de Lectura de Baio; en tanto que o club infantil —que levará o nome de Papapáxinas e que está pensado para rapaces de 8 a 11 anos— reunirase cada tres xoves, de 17.00 a 18.00, tamén na axencia baiesa.

Os interesados en participar nestas novas propostas terán que anotarse previamente no centro sociocultural de Baio, de xeito presencial, ou ben contactando cos teléfonos 981 718 056 ou 981 708 303.

Ambas actividades serán totalmente gratuítas e servirán para que os membros compartan as súas impresións, intercambien opinións ou creen novas comunidades a través da cultura, e máis concretamente, da lectura.