Rafa Casanova: «Os amigos que se fan son a mellor cousa que hai dentro do fútbol»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

CDLUGO

Casanova lembra con satisfacción que puido vivir do fútbol durante anos
Casanova lembra con satisfacción que puido vivir do fútbol durante anos Alberto López

Afirma que un xogador debe estar preparado para o momento da retirada

09 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafa Casanova fixo unha viaxe de ida e volta no mundo do deporte, aínda que o percorrido non rematou. O neno de Friol que xogaba ao fútbol con outros nenos é agora, décadas despois, o adestrador dun equipo de Lugo, o Residencia. Entre aquel pasado e este presente houbo anos de aprendizaxe e de dedicación profesional ao deporte.

Recoñece que non se dá afastado do fútbol: «Debe de ser o ‘gusanillo'», afirma. De todos os xeitos, confesa que na actualidade non o ve coa nostalxia de quen xa non xoga, se cadra porque, como el di, o corpo foille mandando mensaxes de que se ía achegando o momento de deixalo.

—Cando se decatou de que valía para xogar ao fútbol a un certo nivel?

—Xogaba ao fútbol con outros nenos do colexio, vin que tiña capacidades... O día da miña primeira comuñón, xogando eu con outros nenos, un pai dun amigo díxome ‘tes que ir para Lugo'. Así comecei.

—Supuxo para vostede un gran esforzo entrar nese novo mundo, coller unha dinámica de adestramento?

—Non. Ía contentísimo. Para min era unha marabilla ir de Friol a Lugo. O cambio foi ir a Xixón: pasei anos en Mareo só, vivindo lonxe da casa. Separarte de teus pais con doce ou trece anos é duro, pero estou contento de ter vivido esa experiencia.

—Lembrando eses anos, paga a pena ter pasado por esas renuncias?

—Si. Tes catorce anos, comezas a ter amigos e tes que renunciar a certas cousas; pero fíxeno con gusto e volvería facelo.

—Que foi para vostede o fútbol, un xogo ou un deporte?

—Cando es un neno, o fútbol é un xogo e o que che gusta é xogar. Cando tes un certo nivel e tes esixencias, ves que o futbol xa non é só un xogo.

—É duro comezar unha nova vida ao retirarse, despois de ter vivido durante anos pendente soamente do fútbol, cando un aínda é novo?

—Puiden vivir do fútbol durante anos sen ter outro traballo. Non me queixo diso. Cando rematas a túa etapa de futbolista, tes que estar preparado, porque o que puideches aforrar non che chega e tes que buscar outras cousas.

—Un xogador está realmente preparado para cando chega ese momento?

—Cando tes 26 ou 27 anos, non ves que se achegue ese momento. Con máis anos, xa tes que pensar ‘ata aquí cheguei' e comezar a pensar noutras cousas. Nos últimos anos, ao xogar en categorías menos profesionais, puiden compaxinar o traballo co fútbol.

—Está de acordo coa idea de que o mellor do fútbol son as amizades que un fai mentres é xogador?

—Por suposto. Estou contento de ter coñecido moita xente. Os amigos que se fan son a mellor cousa que hai dentro do fútbol.

—É difícil ser adestrador?

—Si. É complicado. Cando remata un partido, un rapaz vai para a casa satisfeito porque gañou, porque marcou un gol ou porque o evitou. Un adestrador queda só mentres os xogadores están xuntos.

—Onde se goza dunha maior sensación de plenitude, xogando ou adestrando?

—Son épocas diferentes. Un xogador pásao ben xogando. Remata o partido, e se perdeu, axiña esquece. O adestrador sofre no partido e durante a semana. Pásase mellor como xogador porque non se sofre tanto durante a semana.

—Un adestrador que foi xogador pode entende mellor o que lle pasa a un futbolista?

—Na miña opinión, entendes mellor ao xogador se fuches xogador antes. Eu vin barbaridades mentres adestraba como xogador e non pasou nada porque eran cousas do fútbol. Se fuches futbolista, hai cousas que entendes mellor.

—Cambiou moito o fútbol de cando vostede era un neno que ía de Friol a Lugo para adestrarse a hoxe? Realmente, o fútbol non é máis ca un deporte de once contra once no que sempre gaña Alemaña, como dicía Gary Lineker?

—Cambiou a vida, e xa non gaña sempre Alemaña [ri]. Cando eu era un rapaz, nos adestramentos había que correr unha hora seguida e ir ao monte. Hoxe búscase un xogador máis rápido e máis técnico. Antes adestrábase en campos de terra; hoxe, se un balón bota mal, xa hai queixas. Creo que nese sentido [o fútbol] cambiou moitísimo.

—Hai nos rapaces de hoxe a mesma ilusión que había cando vostede era novo?

—Creo que non. Recordo que en Friol, ao saír do colexio, víanse nenos xogando ao fútbol. Creo que antes había unha ilusión por chegar a algo. Hoxe dislle a un rapaz [de categoría] xuvenil que vaia co primeiro equipo, por exemplo, a Noia, e quizais che di que non porque non vai xogar. Se mo dicían, eu ía encantado.  

Orixe. Rafa Casanova naceu en Friol en 1982. Comezou a xogar ao fútbol nas categorías inferiores do Milagrosa.

Traxectoria. O Spórting de Xixón, o Lugo, o Xove Lago, o Bergantiños, o Cidade de Santiago, o Racing Vilalbés, o Racing de Ferrol, o Ribadeo e o Friol foron os seus equipos.

Actualidade. Traballa en Friol e adestra en Lugo, pois dirixe ao Residencia, que compite no grupo lucense de Primeira Galicia.

«Creo que se debería apostar máis pola canteira»

O CD Lugo xoga en Primeira RFEF despois de anos en Segunda División. Rafa Casanova cre que a traxectoria do equipo está a ser boa e recoñece que pode ascender, pero tamén bota de menos un maior protagonismo de rapaces formados na canteira. «Creo que se debería apostar máis, e o mellor exemplo témolo no Barcelona», afirma Casanova, que, por outra banda, non agacha a súa condición de seguidor do Real Madrid.