A Estación Científica do Courel (ECC), organizará o ano próximo un congreso de investigación sobre o medio natural no que poderán participar alumnos de ESO e bacharelato. O obxectivo da convocatoria consiste en fomentar a investigación da bioloxía nas ensinanzas medias e a concienciación sobre a importancia da conservación da biodiversidade, ademais de difundir os valores naturais da Serra do Courel.
Os participantes teñen que presentar traballos sobre calquera tema vinculado coa bioloxía, aínda que se priorizarán os que teñan relación coa conservación da biodiversidade e o medio rural. Cada un dos estudos que se presenten ao certame deberán ser realizados por un grupo de catro alumnos como máximo, tutelados por un profesor. Os traballos poden ser enviados ata o 23 de abril do 2013.
Selección de traballos
Un comité formado por catro investigadores escollerá entre todos os traballos recibidos aqueles que presenten un maior nivel de calidade e interese para ser expostos no congreso, que se celebrará na ECC entre os días 23 e 24 de maio. O mesmo tribunal seleccionará despois os dous mellores traballos -un de alumnos de ESO e outro de bacharelato-, que recibirán un galardón. Todos os traballos seleccionados serán recollidos después nunha publicación.
Os grupos de alumnos seleccionados para participar nos simposio alonxaranse en cámping en réxime de pensión completa e participarán nun percorrido guiado por lugares de interes natural da serra. Na organización colaboran o colexio público de Seoane do Courel e varias asociacións.
Olimpiada Tecnolóxica
Por outro lado, a ECC acollerá o próximo día 25 a chamada Olimpiada Tecnolóxica que organiza a Asociación Educativa TecnoGalicia, na que tomarán parte en torno a 120 alumnos de ESO de cinco centros diferentes, coa colaboración dunha trintena de profesores. Os participantes nesta actividade, que se desenvolve dunha forma lúdica, deben demostrar os seus coñecementos en tecnoloxía nunha primeira fase virtual e despois de forma presencial. Entre eles encóntranse os alumnos do colexio de Seoane.
Previamente, entre hoxe e mañá, no centro científico desenvolverase un seminario de historia agraria do grupo de agroecoloxía ReVolta, formado por cinco grupos de investigación das universidades de Santiago e Vigo que dirixen, respectivamente, os profesores Lourenzo Fernández Prieto, Xoán Carlos Carreira, Rafael Crecente, Xoán Carmona e Xavier Simón. Neste encontro abordaranse cuestións como as condicións da produción agraria, a interpretación da paisaxe agraria, a lóxica enerxética da produción agraria orgánica e o abandono do medio rural.
Por outra parte, entre o 2 e o 3 de xuño, a ECC sevirá de escenario para unhas xornadas culturais sobre o medio natural organizadas pola asociación Monte da Estrela, do municipio coruñés de Arteixo.