Ciencia e «Porcos Fascistas»

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

CIENCIA

CHRISTOPHER NEUNDORF | EFE

18 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A ciencia non é neutra, nunca o foi, por máis que o atraso provocado pola ditadura e o tecnocratismo asociado ao réxime manteñan entre nos a vixencia desa vella idea. Tampouco o fascismo de hai cen anos non era antigo nin retardatario, foi moi moderno e científico, unha forma alternativa de modernidade no marco da crise de civilización aberta na Primeira Guerra Mundial. Os tópicos, lugares comúns e relatos políticos do pasado ocupan sempre mais espazo que o saber histórico renovado. Pero todo xunto —erros incluídos— forma parte da conciencia (memoria) colectiva, sobre o pasado, que está a construír o presente.

Diante dos desafíos do presente, os político-sociais do extremismo e a intolerancia, os científico-tecnolóxicos asociados á intelixencia artificial, estamos no intre de preguntarnos en que consistiu o fascismo?, en que consiste a ciencia? A historia da ciencia leva tempo respondendo ambas as dúas conxuntamente. O último libro de Tiago Saraiva, Fascists Pigs (Porcos Fascistas na versión portuguesa) faino brillantemente no título e co subtítulo: organismos tecno-científicos e historia do fascismo. O autor demostra como o fascismo construía un mundo novo, que rachaba co «mundo de onte», usando o protagonismo dos novos cientistas que deslocan aos vellos. Os porcos fascistas fan parte deses novos organismos tecno-científicos do melloramento de plantas e animais como forma de producir unha vida fascista. Sementes de trigo hibridadas ou porcos cruzados, creados para sustentar a nación orgánica fascista, foron parte importante na institucionalización dos réximes de Mussolini, Salazar e Hitler. Moi útiles para a implantación, adhesión e recoñecemento internacional daqueles réximes antes de 1938. Despois, a aplicación da ciencia ás leis raciais que excluían xudeus, ciganos, eslavos, desvendou o camiño da atrocidade.

Curados polos excesos científicos das ditaduras, pero tamén das democracias, hoxe promovemos a ciencia aberta á sociedade, alén dos expertos; precavidos diante da ciencia usada no pasado como destrutora de consensos sociais, falamos de ciencia cidadá para protexermos da ciencia presentada como dogma case relixioso que o paso do tempo descubre falso. Na actualidade concíbese tamén unha ciencia postnormal, aplicada a cuestións ambientais que requiren unha participación ampla, estendida a todos os afectados preparados para entrar en diálogo, moi apropiada cando hai valores e intereses en disputa, factores incertos e decisións de alto risco.

O mundo mudou moito. As sociedades actuais están moi formadas, a ciencia actual xa foi quen de descubrir a fondura de coñecemento colectivo que houbo por exemplo na incorporación labrega dos cultivos americanos. Para Umberto Eco, intelectual era calquera con capacidade de producir novos coñecementos usando a súa creatividade, como os labregos que adoptaban plantas alóctonas hai tres séculos. Dende que decidimos facer a bomba atómica para ganar a guerra, aprendemos a distinguir os principios científicos da súa aplicación. Nada difícil de entender, só que muda cos tempos.