A mellor ciencia de 2024

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

CIENCIA

SPACE X HANDOUT | EFE

31 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a principios dos anos 80 apareceu a sida, o soño foi conseguir un medicamento que a frease. E iso chegou este ano: un medicamento que protexe contra a infección por VIH durante 6 meses co 100% de eficacia. Non é unha cura, pero supón un salto extraordinario que marca a recta final do control desta enfermidade. Este é o avance científico de 2024 para a revista Science, que completa o seu tradicional balance anual con estoutros 9 fitos:

Con terapias CAR-T conseguiuse unha notable mellora en varias enfermidades autoinmunes (o resultado contra o lupus foi espectacular). O telescopio espacial James Webb encontrou máis galaxias brillantes no Universo primitivo do que se esperaba. Creáronse insecticidas a base de ARN adaptado para atacar só a unha especie en concreto, sen danar a outras. Descubríronse compartimentos en organismos unicelulares que son capaces de capturar nitróxeno da atmosfera. Encontrouse (despois dun século) un novo tipo de organización colectiva dos pequenos imáns que teñen os átomos. Descubriuse en fósiles microscópicos de algas que un dos signos de vida complexa (a multicelularidade, que haxa células distintas nun organismo) apareceu moito antes do que se pensaba: hai 1.600 millóns de anos. Encontrouse que o manto terrestre, ao sufrir as tensións da tectónica de placas que esculpe os continentes, forma ondas. O ADN extraído de ósos e dentes antigos deu moita información sobre a realidade das persoas de épocas pasadas. E, por último, Science tamén destaca o salto que supoñen os foguetes espaciais reutilizables de Elon Musk.