Será boa a chegada deste Trump 2.0 para a ciencia? Pinta mal para a investigación en biomedicina e cambio climático e ciencias medioambientais en xeral. Salváranse no seu primeiro mandato, porque o Congreso (daquela baixo control demócrata) protexera dos cortes orzamentarios máis drásticos algunhas das principais axencias norteamericanas desas áreas, como os institutos nacionais de saúde (NIH) e a axencia de protección medioambiental (EPA). Pero agora xa non van ter o paraugas protector do Congreso...
Pero haberá áreas que melloren. A máis clara é a investigación espacial, impulsada pola longa sombra de Elon Musk e a nova guerra fría de prestixio espacial con China, malia que este proceso pode ter unha vítima inicial no programa Artemis da NASA, pensado para chegar á Lúa. Estaba sendo moi caro, ía con atraso... e estorba aos plans dos multimillonarios que teñen plans de negocio nese sector.
Outras áreas que subirán serán as vinculadas á física cuántica e á intelixencia artificial, que xa eran consideradas polo goberno de Biden como liñas principais de rivalidade con China. No primeiro goberno de Trump xa se lanzaran as chamadas «iniciativas nacionais» desas dúas disciplinas, pero agora haberá unha aceleración notable, entre outras cousas para dar luz verde á creación de pequenas centrais nucleares que alimenten o cada vez máis voraz apetito de enerxía que ten a intelixencia artificial. Se xa nos sorprende o seu ritmo de crecemento, preparémonos para o que haberá cando Trump se vaia. O malo é que esa investigación posiblemente se faga sen control...