O abellón

CIENCIA

Abellón libando entre as flores.
Abellón libando entre as flores. Pepa Losada

15 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días de primavera nos que brilla o sol para min son un espectáculo. A estación preséntase con forza e as diferentes cores da natureza que nos arrodea locen esplendorosas. A pouco que un avive os seus sentidos notará os cambios tan marabillosos que nos trae este tempo. Os recendos das plantas e as árbores iniciando con forza a súa nova floración, os cantos dos paxaros que polas mañás son toda una sinfonía inzada de sonoridades ou tamén o bulir incesante dos insectos que ás veces poidan resultar molestos pero tan extraordinariamente importantes. Quizais aquelas persoas que padezan alerxias non estean de acordo con isto que estou a dicir pero alén diso a primavera é asombrosa. A min unha das cousas que máis me fascinan deste tempo é o traballo das abellas e os abellóns que nos últimos anos observo máis, e comprobo que cada vez hai menos. Son moitos os motivos que inflúen na súa mingua e deberiamos abordar moi en serio esta situación porque, en certa medida, aí está a nosa propia supervivencia.

Alén dese asunto, estes días estiven observando de novo a angueira de abellas e abellóns e púxenme a gravar o seu zoar que para min é ata como hipnótico. Reproducindo a gravación dos abellóns lembreime da antiga e xa desaparecida tradición que se desenvolvía nalgúns velorios galegos. Mesmo lembro moi vagamente na aldea (Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo, Ourense) cando os velorios se facían nas casas, dalgunha situación que se non era o abellón, era algo moi semellante. Eu era un cativiño e tiña un medo terrible a todas aquelas cousas.

O ritual do abellón tal e como está descrito consistía en formar una roda humana collidos das mans e dar voltas arredor do cadáver imitando o zunido destes insectos. Este tema foi tratado e estudado por algúns antropólogos, etnógrafos e escritores galegos e dalgún xeito todos conclúen en que se trata dun rito de purificación que serviría para limpar o mal de aire xerado pola morte. Hai quen di que podería tratarse dunha maneira de imitar ás abellas cando limpan os cadáveres da colmea. Sexa como for, a súa orixe é incerta e do rito só queda constancia nalgúns libros e en escasos recordos como o que a min me veu coa entrada da primavera e o zoar das abellas e abellóns.