
Recomenda «ir cara a unha alimentación coma a dos nosos avós»Ana Belén Crujeiras Martínez Doutora en Fisioloxía e Alimentación
26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A mañá do sábado pascual, mentres caen mil augas, máis a propina, buscamos acubillo no Ateneo de Ribeira para falar coa investigadora Ana Belén Crujeiras de proxectos que buscan unha vida de calidade para toda a cidadanía.
?En que consiste a túa investigación?
—Traballo nun grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición, no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O certo é que sempre quixen saber como funcionaba o noso organismo. Esa parte da carreira dábame as ferramentas para coñecer o ADN, como se expresan os xenes, as rutas bioquímicas, o metabolismo; saber por que enfermamos e buscar posibles tratamentos. Na miña tese de doutoramento estudei o metabolismo e a alimentación. Traballei con pacientes que tiñan obesidade e, con diferentes estratexias terapéuticas nutricionais, modulando a alimentación, o consumo de peixe e legumes, ver como lles afectaba á infamación e ao estrés oxidativo, que teñen moito que ver coa obesidade, e sempre seguín estudando a obesidade desde o punto bioquímico, metabólico e molecular.
?E viñeches traballar na USC?
—Si, no 2008, cando volvín a Santiago, no Instituto de Investigación Sanitaria empezábase a ver a nivel epidemiolóxico que a obesidade era un factor de risco moi potente no desenvolvemento do cancro. Había moitos datos epidemiolóxicos pero non se sabía o porqué. Así que, empecei a desenvolver esa liña de estudo, centrándome máis na obesidade e no cancro de mama, o que me levou máis ao nivel de bioloxía molecular; quería ver como se regulan eses xenes debido a esta condición de obesidade. O mecanismo molecular que conecta a nutrición e a falta de actividade física chámase epixenética. Decidín irme a Barcelona para aprender a aplicar a epixenética nas miñas investigacións. O caso é que hai unha especie de interruptores que fan que se acendan e apaguen os xenes e as conexións e, se non están correctos, van desencadear a enfermidade. Eu buscaba saber como conecta a nutrición, a falta de actividade física e o intestino co cerebro. Ás veces hai un curtocircuíto e a persoa sente fame porque non recibe o sinal do cerebro e come sen control. Iso é enfermidade, non é voluntario.
?Como inflúe a idade neste tema?
—Ao longo da nosa historia natural, a produción de estróxenos e andróxenos cambia moito e non se metaboliza igual, polo que se producen uns cambios no corpo. A distribución da graxa corporal e a diminución de masa muscular, máis acusada nas mulleres, é motivo de estudo, pois é moi importante para ter un envellecemento autónomo. Os avances científicos permitiron aumentar moito a esperanza de vida, pero non a calidade da mesma.
?Como afrontar este problema?
—Para minimizar a inflamación e a obesidade temos que ir cara a unha alimentación coma a dos nosos avós: produtos naturais de proximidade, de temporada, e reducir no posible alimentos ultra-procesados, como embutidos e bolos industriais. Así como se estudou moito a dieta mediterránea, eu tento poñer en valor a nosa dieta atlántica: peixe fresco, hortalizas, verduras, legumes e froitas. Non é facer dieta, falo de alimentación saudable. O problema non son os hidratos, comer pasta ou patacas é bo; o problema é a cantidade e como se cociñan. Agora temos menos tempo para cociñar e mercamos algo para quentar. Isto leva sal, graxas e aditivos que rompen o equilibrio. É moi preocupante o caso das crianzas, que levan na mochila poucos alimentos sans, e moito procesado.
?E tamén exercicio físico
—É moi importante, e camiñar está moi ben. Pero, para previr a perda de masa muscular, tamén se debería facer algún exercicio de forza, aínda que sexa na casa. A masa muscular ten que ser funcional. O músculo fainos falta para estar erguidos e camiñar, pero tamén secreta unha serie de moléculas, proteínas, que se chaman mioquinas, que van polo torrente sanguíneo a todo o organismo cunha función importante na conexión, na sinalización dos órganos.
?Fálame dos vosos logros
—Descubrimos que os tumores de mama das mulleres con obesidade son distintos, segundo as marcas epixenéticas, dos que teñen as mulleres con normo-peso. É necesario tratar a obesidade ao tempo que o cancro, para que mellore a resposta do tratamento. A graxa que temos arredor da cintura, preto de órganos importantes coma o fígado ou o páncreas, en situación de exceso, secreta sustancias nocivas e vai descontrolar o funcionamento no cerebro. Tamén se relaciona con enfermidades como o Párkinson, o Alzheimer etc.
?Onde dades a coñecer os resultados?
—Tratamos de publicalos en revistas científicas internacionais de alto impacto. Son valorados antes por científicos independentes, externos, que nós non coñecemos. Despois os xornais tamén se fan eco dos nosos logros para que cheguen ao público xeral.
Con 8 anos pediu un microscopio non de xoguete
Ana Belén Crujeiras Martínez naceu en Castiñeiras (Ribeira), onde cursou EXB no colexio Sagrado Corazón, para continuar o BUP no Instituto de Bacharelato Mixto de Ribeira.
Sempre amosou curiosidade por saber como funcionaba o corpo humano e, con 8 anos, pediu na casa un microscopio dunha óptica, non de xoguete. Este interese pola bioloxía aumentou coas clases do profesor Ventura Mariño, en Castiñeiras, e Manuel Franco en Ribeira, aos que lembra con cariño e admiración.
Licenciouse en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía na USC. O seu interese era estudar como o noso metabolismo afecta á saúde ou á falta dela. Fixo o doutoramento na Universidade de Navarra, onde lle xurdiu a oportunidade de traballar cun investigador moi relevante a nivel internacional sobre nutrición. Na tese traballou a nutrición en pacientes con obesidade.
Empezou logo a traballar en investigación en Santiago, e aínda buscou especializarse máis en Barcelona ao traballar con Manel Esteller, un referente na Epixenética aplicada ao cancro. Ana Belén Crujeiras quería ver como aplicala á súa liña de estudo de obesidade e cancro de mama. Lidera o equipo que investiga ese tema, e é autora de máis de 130 publicacións en revistas internacionais (autora principal en máis del 50 % delas). Ten impartido numerosas conferencias e participado e congresos nacionais e internacionais.
Cargos e premios
É membro do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn) e do International consortiums NCD Risk Factor Collaboration (NCD-RisC). É vogal da xunta directiva da Sociedade Española de Obesidade (SEEDO), tamén editora asociada na revista Reviews in endocrinological and metabolic disorders, e na revista Nutrients. É revisora externa en convocatorias de proxectos nacionais e internacionais e participa en comités asesores da industria.
Recibiu premios da Sociedade Europea de Obesidade (EASO), a Sociedad Española de Obesidade (SEEDO) e da Sociedade Galega de Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo (SEGNM).
A día de hoxe, continúa profesionalmente coa súa actividade investigadora e científica, o que xa deu lugar ao rexistro de catro patentes.