Antonio Rial Boubeta: «Unha cousa é que sexa legal que Carlos Sobera anuncie apostas e outra moral»

A CORUÑA

apostas
XOAN A. SOLER

O profesor de Psicoloxía Social na Universidade de Santiago (USC) afirma: «É unha perversión chamarlle xogo ás apostas, son un voraz negocio»

08 oct 2019 . Actualizado a las 21:52 h.

É un dos maiores expertos en Galicia en adicións. Desde a USC, Antonio Rial Boubeta lidera unha la de investigación da Unidade de Psicoloxía do Consumidor centrada no traballo con adolescentes e a prevención de adicións. Este verán presentaron os resultados dunha enquisa entre 9.000 rapaces galegos.

-É unha sensación ou é real o bum das apostas?

-Se un recolle o número das casas de apostas, do volume de negocio que manexan e da cantidade de cartos que se apostan vemos que non é algo opinable. Esta a informar disto o Ministerio de Economía e Facenda. No día a día, tamén vemos a súa presenza nas rúas e nos medios de comunicación. Estámolo a interiorizar.

-Da imaxe marxinal dos que xogaban nas máquinas recreativas tipo B pasamos a unha moda?

-É unha consecuencia desa normalización. Os medios de comunicación, as federacións, as institucións... A industria do xogo é a gran mecenas do deporte.

-Crece entre os menores?

-A persoa que cae na ludomanía pode ser calquera. O nivel de exposición, a presenza é moi alta. A súa estratexia de comunicación, agresiva. Os targets globalízanse e os menores caen como moscas. As taxas dispáranse nos rapaces que van da ESO a Bacharelato. Vaise converter na gran epidemia das adicións da década e, cando un inicia un comportamento potencialmente aditivo en idades temperás, a probabilidade de que se desenvolva unha adición multiplícase.

-Por que apostan os rapaces?

-Para o estudo fixemos unha enquisa. Dixeron que porque poden conseguir diñeiro de xeito rápido e, de paso, se divirten. Para moitos é un ritual grupal de ocio. E nalgo no que se senten bos: o deporte. Para eles son apostas deportivas nos bares. Cúmprese o que chamamos modelo ECO: expectativa, custo e oportunidade.

-Preocupa o xogo en liña?

-Si, pero só o 8 % dos rapaces que apostan o fan on-line.

-E nas tendas de apostas?

-O 80 % dos menores que apostan non o fan nas casas de apostas. Nelas, o acceso é medianamente rigoroso. Apostan co móbil e nos bares, á vista de todos.

-Que síntomas amosan?

-Hai que observar, preguntar e escoitar aos nosos fillos. Ver se hai cambios nos hábitos de gasto, de humor e de amizades. Hai indicadores suficientes no día a día suficientes, polo menos, para establecer sospeitas. Ver se hai ansiedade e mentira.

-Hai que prohibir o xogo?

-É una perversión chamarlle xogo ás apostas, son un voraz negocio. Compete ás Administracións públicas desnormalizar. Os custos para a sanidade van ser altos. Hai que incidir nas leis, e tamén son necesarios movementos coma os de este fin de semana na Coruña. Os cidadáns deben ser os primeiros en esixir. O sector do xogo tense que alinear coa sensibilidade social.

-Que opina da publicidade?

-Unha cousa é que sexa legal que Carlos Sobera anuncie apostas e outra moral. Nadal ou Vicente del Bosque baixáronse do carro. Un deportista non se pode prestar a isto. Ten que haber unha penalización por parte da sociedade.

-Proliferan máis estas salas nos barrios humildes?

-Empiricamente, non está demostrado. Isto non distingue, ten que ver máis co grao de exposición, coa dispoñibilidade económica e cos estilos parentais. Non es máis vulnerable por ser dun barrio obreiro.