Juan Durán: «Hai un apoio excesivo á música galega do ámbito máis comercial»

T. Silva A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Este mércores comezan os concertos da 175 efeméride da Academia de Belas Artes

05 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana a Real Academia Galega de Belas Artes conmemora o seu 175 aniversario coa actividade Os concertos do centenario, con tres eventos con bandas e agrupacións locais os días 6, 7 e 8 de novembro no teatro Colón. Entre os organizadores está Juan Durán Alonso (Vigo, 1960), académico e comisario musical deste histórico certame.

—Hai que aclarar que o centenario foi en 1949, agora celebramos os 75 anos daquel evento.

—Efectivamente, con este concerto se recorda o do centenario en 1949, recolle ese espírito, tamén no relativo ás agrupacións e compositores. Naquel momento foi un evento onde as agrupacións instrumentais e vocais que había na Coruña, porque nese momento a academia era provincial, eran a banda municipal, Cántigas da Terra, El Eco, Follas Novas... con música de compositores membros da academia. Ese espírito é o que intentamos manter, por iso lle chamamos os Concertos do Centenario.

—De aí que se invite a agrupacións locais.

—Claro, son os grupos senlleiros da cidade e ademais teñen no seu repertorio música de compositores galegos que foron membros da Academia, o caso de Adolfo Anta, Mauricio Farto, José Baldomir e un longo etcétera de compositores históricos.

—Cómo acolleron a invitación as agrupacións que van participar?

—Moi ben, encantados porque participan todos de xeito desinteresado.

—Se o centenario do 1949 foi no Teatro Rosalía de Castro, por que non repetir alí?

—Efectivamente. A colaboración foi co Concello, que é o que patrocina todo este programa, e ten ao seu dispor o teatro Colón, que é da Deputación, durante unha serie de datas. Si, o Rosalía estaría ben.

—No evento de 1949 se crearon as medallas Marcial del Adalid, foi un acto que superou á música.

—Absolutamente. Para nós as medallas Marcial del Adalid son un acontecemento importantísimo. Primeiro porque poñen en valor a figura deste compositor case esquecido nese momento, cando foi un dos grandes compositores do Romanticismo español do século XIX. Pero tamén se puxo en valor o traballo dos grupos, dos orfeóns, das corais, para darlles un pulo para seguir traballando. E foi obra dun académico, Adolfo Ante Seoane, que foi director de Cántigas da Terra, impulsor de moitas corais, e el foi o impulsor das medallas. Todas as corais coruñesas históricas a teñen.

—O programa será moi fiel á cita de hai 75 anos.

—Si, ademais aparecen compositores que no seu momento eran moi importantes para a vida coruñesa, como Ricardo Morales, profesor do conservatorio, escribía música para os Apropósitos coruñeses. O concerto ábrese coa marcha do centenario de Rodrigo de Santiago, que era director da Banda Orquestra Municipal en 1949. Escribiu a obra para esa ocasión e o manuscrito estaba na academia e non se volvera tocar. Eu a dixitalicei e vai tocala a orquestra do Conservatorio, que foi dirixido, por certo por Rodrigo de Santiago.

—Vanse espertar partituras que estaban durmidas.

—O Sporting Club Casino tiña no seu repertorio música de Alberto Garaizábal, que creou en 1942 o Conservatorio da Coruña. Era un músico vasco que chegou aquí como organista da igrexa dos xesuítas.

—Á marxe deste evento, en que momento está agora a música galega?

—Eu nunca estarei conforme coa proporción de música galega respecto da música de compositores doutras terras e épocas que fan as orquestras institucionais galegas como a Orquesta Sinfónica de Galicia ou a Real Filharmonía, aínda que sigo programado pola Sinfónica, ao igual que outros compositores galegos. Pero a proporción é baixísima. O ano pasado na OSG houbo unha obra dun compositor galego, este ano hai unha para toda a programación. Non hai suficiente programación de compositores galegos. E, en segundo lugar, hai un apoio excesivo á música galega do ámbito máis comercial. Está moi ben que se apoie a grupos e solistas desta música que chaman de raíz pero non hai que esquecer onde están os alicerces, a base e toda esa música que son os compositores do Rexurdimento galego, que abriron un camiño. Cando se interpreta Negra sombra non hai que esquecer que a versión orixinal é de Juan Montes Capón, un compositor de Lugo. Que se pode versionar? Por suposto, pero hai que estar sempre recuperando e facendo didactismo explicando que todo iso ten unha orixe, que ven dende as Cantigas Medievais de Martín Códax, non hai que esquecer esa música.