A valentía, humanidade e civismo de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye empurrounos a saír en auxilio de Samuel Luiz cando era fortemente golpeado fronte a praia de Riazor
09 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.ACoruña ten desde aquela fatídica madrugada do 3 de xullo do 2021 dous novos heroes que acaban de ser distinguidos co V Premio Marcelino Liste, Xustiza e Liberdade, instaurado polo club de opinión Foro Cívico da agrupación cultural Alexandre Bóveda co gallo do Día Internacional dos Dereitos Humanos.
A valentía, humanidade e civismo de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye, dous mozos senegaleses, empurrounos a saír en auxilio de Samuel Luiz cando era fortemente golpeado fronte a praia de Riazor, vítima dunha barbarie absurda que nunca puidemos imaxinar. Seguro que a escena daquel día non deixará de proxectarse nos seus cerebros mentres vivan. Para os coruñeses, un suceso tan brutal quedará tamén gravado a lume na súa conciencia cívica.
Para os pais e amigos de Samuel, semellante traxedia suporalles esnaquizar a súa vida. Aínda que eles parecen non darlle moita importancia á súa obra, e prefiren manterse no anonimato, foron quen de provocar en amplas capas da sociedade coruñesa xestos de recoñecemento e admiración.
A xuízo da rede Acampa, promotora da candidatura, o comportamento de Ibrahima e Magatte constitúe unha lección de «valentía e humanidade» co risco inherente de poñer en risco as súas propias vidas a mans dunha turba enloquecida, mentres executaban a un inocente, características que lles fixeron acredores por unanimidade dun xurado integrado por Arantxa Aróstegui, Francisco Cerviño e Gonzalo Vázquez Pozo da presente edición do Premio Marcelino Liste, Xustiza e Liberdade.
Os seus nomes ficarán para sempre inseparables non só da memoria sentimental das coruñesas e dos coruñeses, tamén moi directamente das súas vidas.
Por Ricardo Vales, membro de A. C Alexandre Bóveda