Luís Lamela, escritor: «Por que se salvou Domingo Quiroga? Coido que por sorte, non estaba na diana»

A CORUÑA CIUDAD

luis
ANGEL MANSO

O investigador edita os diarios de prisión do xornalista da Coruña que traballou para a ONU

19 jun 2024 . Actualizado a las 11:08 h.

Foi o fillo do protagonista do seu último libro quen puxo en mans do escritor e investigador Luís Lamela (Corcubión, 1945) os diarios do seu pai, Domingo Antonio Quiroga Ríos (A Coruña 1900-1991). «Héctor Quiroga entregoume os textos logo de ver como fun contando a historia dos represaliados da Coruña», di Lamela. Foi así como as memorias daquel preso político durante a Guerra Civil se converteron no título Los años de guerra y la prisión provincial de A Coruña. Memorias de un recluso: Domingo Quiroga Ríos, que edita a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Lamela presenta este mércores na casa museo Casares Quiroga o libro sobre este pioneiro na defensa dos recursos pesqueiros que foi tamén o primeiro presidente de Adega.

—Quen foi Domingo Quiroga?

—Foi un militante do Partido Radical Socialista, primeiro, e despois da Unión Republicana, un partido burgués e moderado, na Segunda República. Foi unha figura moi comprometida coa república. Ademais, estivo na masonería. Entrou nunha loxia en Cuba, onde estivo emigrado antes de volver a Galicia a comezos dos 30. De regreso na Coruña, tamén estivo aquí nun grupo masón. Unha vez que se produce o golpe, foi detido.

—Que atopou nos seus diarios?

—Estivo preso catro anos, do 1937 ao 1941. Os diarios cóntanos todo o que sucedía dentro. A angustia de ver aos compañeiros que sacaban para levalos a punta Herminia, diante do cárcere provincial, onde os fusilaban. Nos calabozos escoitaban o impacto dos disparos. Tamén as despedidas das súas familias, os gritos dun neno que berraba «papaíto que no te maten», no medio do silencio da noite. Todos os presos políticos estaban co medo de que lles tocase a eles. Non imperaba unha lóxica. Por que se salvou? Coido que por sorte. Non estaba na diana dos falanxistas, dos paseadores, dos que facían o traballo sucio.

—Marchar foi a única solución?

—Aquí era moi difícil vivir para un marcado como roxo. Entrou a traballar na Palloza, nas empresas de barcos pesqueiros. Logrou contactar con xente que estaba no exilio e esa xente axudoulle a atopar emprego en países suramericanos. Volvía de vez en cando a Galicia esperando que o volvesen chamar nesas empresas ata que se asentou na Coruña.

—Entre os traballos que tivo está o de Nacións Unidas. Mesmo foi nomeado oficial de pesca pola FAO, o brazo para a alimentación e a agricultura da ONU.

—Domingo estivo «exiliado», podemos dicir entre comiñas, traballando en organismos da ONU por mediación dun importante republicano que estaba como dirixente deses organismos, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, deputado de Izquierda Republicana nacido en Vilagarcía. El era xornalista, traballou na Voz de Galicia durante os anos da Segunda República e tamén tivo moitos anos despois unha columna. No 1973 concedéronlle o Premio Fernández Latorre.

—Por que non chegou a editar o propio Domingo Quiroga os seus diarios?

—As razóns polas que non os editou non as sei, pero puido pesar o medo que existía para publicar algo así. A pesar de que no ano 1975 morreu Franco, estas cousas non saían á luz. Viñamos de 40 anos de franquismo nos que ninguén falaba disto. O primeiro consello de guerra que se publicou en España nun libro foi un traballo meu sobre Pepe Miñones, moi amigo del. Foi deputado nacional por Unión Republicana, os franquistas fusilárono. O libro saíu no 1991, o ano no que morreu Domingo.