Trinta e unha entidades recollerán sinaturas para que se amplíe o BIC do Museo Carlos Maside de Sada ao complexo de Cerámicas do Castro
SADA

Asociacións culturais e memorialistas critican que a Xunta acepte o cambio de nome por parte do grupo Sargadelos e temen que o centro poda manter un sistema de aperturas puntuais
29 jul 2025 . Actualizado a las 14:04 h.A publicación do decreto de declaración de ben de interese cultural (BIC) para o Museo Carlos Maside de Sada este martes no DOG, que oficializa o adiantado a semana pasada pola Xunta sirve as asociacións culturais e memorialistas que reclamaban esa protección a manter as súas reclamacións para que o recoñecemento se estenda a todo o complexo de Cerámicas do Castro. «Confírmase que a declaración BIC afecta unicamente ao edificio e á súa colección de arte, desbotando a posibilidade de estendelo ao resto do complexo de Cerámicas do Castro, polo que a contorna de protección é a mesma que a que contempla o PXOM do Concello de Sada, sen que a declaración BIC do edificio do museo engada para esa contorna maior protección do que hoxe xa ten», precisan as entidades.
As 31 Asociacións que se adheriron á petición de declaración BIC elaborarán un manifesto para a recollida de sinaturas esixindo que se amplíe a todo o complexo industrial de Cerámicas do Castro, ao igual que se fixo co de Sargadelos en Cervo.
Cuestionan que a Xunta non aceptase ningunha das alegacións presentadas no período exposición pública, entre elas a presentada pola Asociación Cultural Suárez Picallo, que reclamará acceso ao expediente íntegro e presentará recurso de reposición.
«O primeiro que chama a atención é o cambio de nome do museo, que pasa a chamarse Museo de arte contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, desprezando o nome orixinal co que foi creado, polo que sempre se coñeceu e polo que se solicitou a súa declaración como BIC», explican dende estas entidades,
Ademais, tras ler o decreto estiman que «abre a porta a que o museo sexa clausurado con aperturas puntuais, xa que “o acceso e a visita pública poderán ser substituídos polo depósito do ben nun lugar que reúna as adecuadas condicións de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos».
Estas entidades precisan que na relación de obras da colección do museo aparecen inventariadas 1.447 cando existen fontes que elevan o número de obras a 2.100 que forman parte da colección, e anuncian que pedirán que se «se xustifique e contraste esta cuestión».
Ademais, anuncian que convocaran unha nova reunión o xoves 2 de setembro ás 19.30 horas no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda aberta á participación de persoas e entidades, para determinar as accións a seguir no futuro.