«A Gran Historia de Galicia» explica como fomos exportadores de cereais a Cataluña e Irlanda no XIX
CULTURA
A evolución da poboación galega durante o século XIX, os efectos sociais e económicos das reformas institucionais que acompañaron á crise do Antigo Réxime e unha análise da economía agraria entre 1800 e 1870 son os temas que vertebran a nova entrega de A Gran Historia de Galicia que os lectores de La Voz poderán adquirir mañá co periódico ao prezo engadido de 3,95 euros.
Firmado por Ramón Villares Paz e Aurora Artiaga Rego, o volume sitúanos ante unha Galicia que non foi allea á complexa rede de cambios que deparou o século, pero que os viviu cun ritmo marcadamente lento. «No tránsito da época moderna á contemporánea -dise no libro- a sociedade galega deu mostras dunha gran solidez e estabilidade» por varias razóns: porque seguiu a ser un territorio basicamente rural con taxas moi baixas de urbanización; porque o foro, o contrato agrario hexemónico desde a Idade Media, continuaba sendo o elemento vertebrador da estrutura social; e, finalmente, porque a organización da produción agropecuaria predominante mantivo as mesmas estruturas produtivas herdadas da época moderna.
Aínda á altura do 1800 «a condición de pagador ou perceptor de rendas forais continuaba definindo a xerarquía social» toda vez que fracasaran os intentos que fixeran a Igrexa e a alta nobreza nas décadas centrais do XVIII para modificar no seu favor o réxime foral. Rendistas leigos e eclesiásticos, fidalgos intermediarios e campesiños definían unha estrutura social de gran complexidade interna.
Entre outras características e acontecementos que marcan o século a estudo, os autores fíxanse no fenómeno da emigración que, aínda que nin comeza nin remata nel, «é unha evidencia que foi na segunda metade daquel século cando se fixou dunha forma precisa a emigración galega como un feito masivo».
Tamén se explica todo o proceso desamortizador no noso país. Así como o de expansión da superficie e da produción agrarias ata o punto de convertérmonos en exportadores de cereais nas décadas de 1830 e 1840. Foi primeiro a Cataluña como consecuencia das guerras carlistas e, despois, e sobre todo millo, a Irlanda (con cifras que se achegaron aos 100.000 hectolitros anuais) para aliviar os efectos das malas colleitas.