«Hoxe en día se non hai especialización non hai ciencia»

Benigno Lázare

CULTURA

É un dos impulsores do estudo da xeografía en Galicia e autor de obras básicas para o seu coñecemento e para a súa didáctica

19 dic 2007 . Actualizado a las 02:49 h.

Francisco Río Barja recibe mañá en Lugo, a cidade na que naceu hai 88 anos, o Premio Otero Pedrayo 2007, nun acto que se desenvolverá na Deputación coa asistencia de máis de cen persoas. Foi alumno e colaborador do intelectual que lle dá nome ao premio e é autor dalgunha das primeiras e fundamentais obras sobre a xeografía galega.

Prudente nos seus xuízos de valor, Río Barja recoñece abertamente que na facultade non aprendeu nada porque lles ensinaban moito latín e grego, e moi pouca xeografía. «Levoume á xeografía unha tendencia natural a amar á natureza xa desde neno, o, por outra parte, un gran catedrático que tiven no instituto», explica.

-Algunhas biografías preséntano como humanista e xeógrafo. ¿Canto diría que ten de cada un?

-Non sei distinguir ben iso, porque un xeógrafo é un humanista sempre. Un xeógrafo sempre ama a natureza vexetal e animal, polo tanto hai das dúas cousas.

-¿Como estaban os estudos de xeografía en Galicia cando comezou vostede?

-A verdade, eu entrei nunha facultade na que tiña que estudar latín, grego e outras materias completamente distintas. Non había nada de especialidade da xeografía e iso foi para min unha traxedia, porque tampouco tiña cartos para ir a Madrid. O profesorado en xeral foi bastante malo, cun só catedrático, que era o decano e era especialista en latín. De xeografía non houbo un catedrático ata don Ramón Otero Pedrayo. Polo tanto, para min a etapa da universidade foi absolutamente negativa e tiven que apañarme eu.

-¿Como é agora?

-Actualmente hai unha xeografía estupenda, con xente moi boa dando clases. É un mundo distinto porque os estudantes poden saír con bos coñecementos, pero non naqueles tempos.

-¿De toda a súa bibliografía, a que obras lles ten un especial aprecio?

-A miña aportación é pequena porque non fun nunca un home importante, en absoluto. Fun un honrado profesor que estudei todo o que puiden pola miña conta e que cheguei a escribir unha serie de libros que poden ter interese. Por exemplo, o libro que fixen, con outro compañeiro, dos ríos galegos, ou esoutro relativo á bibliografía de estudos xeográficos. Tamén un pequeno estudo sobre a didáctica da xeografía, que é unha obra pequena pero tiven moito interese nela porque naquela época non había unha verdadeira didáctica e a min interesábame moito que se soubese ensinar a xeografía.

-¿Otero Pedrayo foi o paradigma da cultura enciclopédica ou global?

-Si. En certo aspecto, don Ramón foi máis ben un polígrafo, porque foi xeógrafo, pero antes xa foi un literato e foi un poeta. De maduro entrou na xeografía e marchou a Alemaña e a Francia a estudar nas súas escolas. Volveu con outras ideas e escribindo libros interesantísimos, de vangarda. Foi un verdadeiro xeógrafo que creou un tipo de esquema intelectual, que era unha xeografía na que primaba a emoción poética e o sentimento. Hoxe xa non se leva, é certo, pero no seu tempo foi un gran estudoso que ademais tiña unhas formas de explicar moi brillantes. Despois foise afastando porque, tras ser o gran xeógrafo de España nos anos vinte, botárono da súa cátedra e tivo que quedar un pouco á marxe das grandes investigacións que houbo polo mundo. Sobreviviu facéndose máis novelista e cando lle deron de novo o posto de catedrático de universidade xa levaba 20 anos marxinado e non conservaba a forza xeográfica que tivera antes, aínda que sempre mantivo o seu amor por esta materia.

-¿A súa xeración pecha a etapa la cultura humanista?

-Polo menos ao estilo de Otero Pedrayo xa non queda ninguén, porque el foi xeógrafo, pero tamén historiador, poeta e autor de máis de 20 novelas. Todo isto non se da facilmente. Hoxe en día se non hai especialización non hai ciencia.

-Como membro de media ducia de institucións culturais, ¿cre que están adaptadas para cumprir as funcións para as que foron creadas?

-Creo que son todas necesarias. Todas fan traballos constantemente na medida das súas posibilidades, e a RAG seguramente está nun dos grandes momentos da súa expansión.

-Ten os premios más importantes de Galicia. ¿Ségueos recibindo coa mesma ilusión?

-A verdade é que non sei por que me deron a min os premios, porque hai outras persoas que os podían levar, e non é falsa modestia.