O curso audiovisual da Fundación Casares analizará as canles de comunicación na sociedade da información

La Voz

CULTURA

01 jul 2008 . Actualizado a las 02:03 h.

A quinta edición do curso de verán audiovisual que se celebrará en Celanova estará este ano dedicado a «Os sons e as imaxes da información, radio, televisión, Internet». O curso terá lugar no Mosteiro de San Rosendo entre os días 9 e 11 deste mes de xullo.

O programa desta quinta convocatoria foi presentado onte en Santiago ao tempo que o convenio entre dúas das entidades promotoras do mesmo, a Fundación Casares e o Consorcio Audiovisual de Galicia. Este convenio servirá para que o Consorcio respalde as actividades da fundación relacionadas coa comunicación, entre elas este curso dirixido por Miguel Anxo Fernández.

A intención deste encontro, segundo o director da Fundación Casares, Gustavo Garrido, «é repasar no mesmo curso o papel de todos os medios de comunicación audiovisual na sociedade da información». O director asegurou que era un programa «denso e variado» co nomes coñecidos da comunicación e do audiovisual galego.

Ademais dos contidos académicos, o programa desta quinta edición inclúe a estrea de dúas documentais, Prodixiosos, de Manuel Darriba, e o realizado por Delmi Álvarez baixo o título O rei galego de África. Tamén está previsto que Marcos Valcárcel fale sobre o papel de Curros Enríquez como xornalista.

O programa académico estudará o carácter e os contidos dos informativos nos distintos medios, desde os informativos da televisión e a radio ata a información na Internet, incluído o papel que xoga Google na Rede.

Entre os nomes dos conferenciantes figuran Xosé Nogueira, Beatriz Legerén, Tino Santiago, Alfonso Hermida, Raquel Domínguez, Xosé Manuel Pereiro, Xaime Fandiño e Fernando González Urbaneja.

Fernando Salgado explicou na presentación do curso que é «unha iniciativa consolidada» e que fora gañando nos últimos anos «éxito e prestixio».

Para a presidenta da fundación, Christina Berg, a iniciativa cumpre cos obxectivos da entidade de «contribuír aos estudos de comunicación e á difusión da cultura e da lingua galegas».

O curso ten un número de prazas máximo para cen persoas e na actualidade están matriculados arredor de trinta. Este ano, o Concello de Celanova ofrece aos matriculados no curso a posibilidade de aloxamento de balde na vila durante a celebración do mesmo. O prazo de matrícula aínda está aberto.