Xoán Abeleira e Borja Costa representarán o espectáculo «Música para un ouveo»
26 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Máis de medio século despois da explosión do movemento beat en EE.?UU., a obra de Allen Ginsberg chegará a dous teatros galegos en forma de improvisación grupal a cargo do poeta Xoán Abeleira-tamén tradutor dos poemas-e o quinteto dirixido polo compositor Borja Costa baixo o título de Música para un ouveo .
A idea xurdiu na cabeza de Costa hai moitos anos, cando o seu principal interese non era a música, senón a literatura: «Descubrín a Ginsberg de adolescente, e esa paixón seguía aí cando me fixen compositor profesional. Estiven anos dándolle voltas aos textos, pero o problema -matiza Costa-era que o miraba con moito respecto. O consideraba un sacrilexio». Pero, co tempo, conseguiu atopar unha vía musical que lle permitía expresar a súa visión duns versos tan influentes: «Baséase na improvisación grupal, comigo como director. O tema é facer chegar as miñas decisións a un cuarteto de corda e un piano, mediante movementos das miñas mans. É un sistema complexo, pero que permite levar a música de vangarda a un cuarteto tradicional», conclúe o compositor.
Influencia musical
Pero a base do espectáculo serán as palabras. As palabras que Ginsberg deixou escritas hai moitos anos, mentres vía ás mellores mentes da súa xeración destruídas pola tolemia. Xoán Abeleira interpretará os versos sobre os que cabalgarán as composicións de Borja Costa, e ademais, nas dúas presentacións previstas-o 3 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, e ao día seguinte, no auditorio Caixanova de Vigo-contarán coa participación de Manuel Rivas e Fran Alonso. Costa só ten boas palabras para os dous escritores: «Responderon dunha forma marabillosa, interesándose moito polo proxecto». Os convidados, cada un na súa cidade, terán por cometido a lectura dun texto introdutorio sen música.
Os poemas representados serán Ouveo , II , III , Nota a pé de páxina de Ouveo , Un supermercado en California e América . A idea de musicar obras de Ginsberg non é nova. Toda a produción do poeta de Nova Jersey, ao igual que o resto do beat , ten unha forte influencia musical que Borja Costa, moi ao seu pesar, ignorou: «Ginsberg era amigo de Don Cherry e de Charlie Parker, e influíu no mellor rock americano, en Dylan, Patti Smith e Springsteen. Ademais, tiña unha influencia moi forte do folk . Pero-lamenta o compositor-, deliberadamente e en loita comigo mesmo, non tiven en conta os seus gustos». Para dotar a Ginsberg do clasicismo que merece, para levalo aos auditorios, preferiu centrarse nun cuarteto clásico co que poder experimentar cunha improvisación sen esquemas estilísticos predeterminados.