«Estaba aburrido de ver a mesma película con distintos bonecos»

Concha Pino SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

O realizador galego logrou que Philip Glass aceptara compoñer a banda sonora

25 jul 2010 . Actualizado a las 02:28 h.

O pasado día 17 preestreouse en Compostela a longametraxe de animación O Apóstolo , pioneiro pola técnica empregada cos bonecos de silicona e plastilina, stop motion con esteroscopía. É o primeiro filme da produtora compostelá Artefacto e tamén do seu guionista e director, Fernando Cortizo (Santiago, 1973). Estará nas salas comerciais en outubro, despois da estrea no Festival de Sitges.

-Dixo que o seu reto era acabar a película. ¿Non lle preocupa o percorrido que pode ter?

-Si, claro que si, o ideal é pechar o círculo, pero unha película coma esta é un reto moi grande e a meta non poder ser ter éxito, esa non é a clave coa que a fixemos. Pretendía acabala como eu quería, e acabala ben. Dedicarse a isto é unha vocación e ten riscos, pero trátase de ser fiel ao que queres.

-¿En que clave a fixo?

-Estaba aburrido de ver películas que tiran de estereotipos americanos. Vemos sempre a mesma con diferentes bonecos. Galicia ten lendas, historias e tramas moi ricas que non se abordan nunca. Así que escribín este guión, que suavicei moito porque era máis duro, demasiado friki , co propósito de ensinar Galicia, porque ten que resultar atractivo no estranxeiro ver unas localizacións e unhas lendas que descoñecen. Era apostar por algo novo, cun punto gótico, pero visualmente bonito.

-¿As curtas durante dez anos eran un exercicio para isto?

-A verdade é que si, en cada unha fun experimentando técnicas e materiais, sempre con historias macabras, escuras. A meta era unha película.

-¿O que a fai única é combinar «stop motion» e esteroscopía?

-É a primeira vez que se fai en Europa, pero non é un valor. É unha característica, unha ferramenta que utilizamos para lanzar o filme, porque non somos ninguén neste complexo mundo do cine. A esteroscopía posibilita que o espectador vexa as imaxes en tres dimensións coas gafas famosas, porque todo cobra volume real. Combinar esta técnica co stop motion é o novo, porque se ten feito con debuxos, e neste caso son bonecos sobre un decorado.

-¿Que o fixera unha produtora pequena demostra que se pode vencer a Goliat?

-O que demostra é que somos teimudos. Eu non me metía a isto para facer algo que de entrada fose ser mediocre. Pelexamos moito para convencer a moita xente só cun bo dosier por diante. Onde máis percibín que eramos pequenos foi nos inimigos que atopamos no sector, de produtores grandes. Custounos moito que non nos devorasen. Para min o cine só pode ser negocio se é arte, non ao revés. E nosoutros somos artistas, non negociantes.

-¿Como conseguiu que Philip Glass fixera a banda sonora?

-O mérito foi da película. Falamos co representante, mandámoslle un dosier e ao mes e medio aceptou porque lle gustaba moito. Non o críamos. Foi unha marabilla traballar con el. Pedinlle que retocara cousas e non houbo ningún problema.

-¿Seducir aos técnicos estranxeiros foi tan doado?

-Contactamos con eles explicándolles que era unha película indie . Dicían que era imposible con 5 millóns de euros, cando a máis barata deste tipo custou 40. Sorprendeunos conseguilo, e foi porque a xente estaba moi motivada, dérono todo, horas e días, sen pedírllelo.

-¿Por que se fixou o prazo estrito de dous anos?

-As películas tan artesanais non as acabas nunca, sempre podes melloralo todo. Se non pos unha data límite alóngase o indicible, e como produtora non podiamos soportar economicamente máis diso.