Impulsor da festa do 17 de maio e senlleiro galeguista

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

27 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Considerado como o patriarca das letras galegas, Francisco Fernández del Riego era Paco del Riego para os amigos. Naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) o 7 de xaneiro de 1913.

Titulado en Dereito, deu clases na Universidade de Santiago, pero foi apartado da docencia, xunto con outros profesores, ao comenzo da Guerra Civil. Foi un dos fundadores do Partido Socialista Galego e, posteriormente, do Partido Galeguista. Fundador de Galaxia. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e fundador e director da Editorial Galaxia. También fue corresponsable de la revista Grial xunto con Ramón Piñeiro.

Foi membro de número da Real Academia Galega dende novembro de 1960 e súa foi a idea de instaurar, o 17 de maio de 1963, o Día das Letras Galegas, orde que firmou xunto con Ferro Couselo. Foi presidente da Academia entre novembro de 1997 e maio do 2001.

Dirixía desde maio de 1964 a biblioteca da Fundación Penzol, de Vigo. En 1995, doou todo o seu legado bibliográfico, documental e artístico á cidade de Vigo, xunto cos fondos da Penzol. Todo este arquivo trasladouse á Casa Galega da Cultura.

Del Riego é autor, entre outras obras, de Con ollos do noso esprito, Galicia no espello, Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores, Letras do noso tempo, Antolín Faraldo: un precursor, Poesía galega: século XX, Historia da literatura galega, Pensamento galeguista do século XX, Ánxel Casal e o libro galego, Blanco-Amor, emigrante e autodidacta , así como as súas memorias O río do tempo. Unha historia vivida .

Gañou numerosos galardóns, entre eles, a Medalla Castelao (1985), o Premio Trasalba (1988), Premio Fernández Latorre (1994), Premio Otero Pedrayo (1995), a Medalla de Oro da Universidade de Santiago (1996) e o Premio das Letras e das Artes de Galicia (1997). Tamén era premio vitalicio da Fundación Barrié e logrou os recoñecementos de Vigués Distinguido e Galego Ilustre.