A derradeira despedida a don Paco e Ana Kiro

X. F. REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

02 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Dentro de cinco días celebraría o seu 98.º aniversario. Nacido o 13 de xaneiro de 1913 en Vilanova de Lourenzá, un dos símbolos do galeguismo, Francisco Fernández del Riego, faleceu o pasado 26 de novembro en Vigo, despois dunha longa vida ao servizo de dúas causas, Galicia e a liberdade, como a el lle gustaba lembrar. Membro destacado da política galeguista antes da Guerra Civil, Del Riego foi un dos artífices da reconstrución cultural baixo o franquismo, presente en todas as frontes: editorial Galaxia, revista Grial, colaborador da BBC, ideólogo do Día das Letras, escritor, ponte entre o exilio e a emigración e Galicia, e presidente da Real Academia xa en tempos democráticos. Xunto coa súa importancia intelectual, don Paco tamén era coñecido pola súa bonhomía e xenerosidade. «Máis que despedilo, temos que celebrar a súa vida», sostén o director de Galaxia, Víctor Fernández Freixanes. «Co seu traballo e o de outros construíu este edificio que agora habitamos», di Freixanes de quen é «referencia obrigada» para a cultura galega.

En cambio, a morte chegou para o historiador Marcos Valcárcel (1958-2010) na plenitude da vida, o 5 de decembro. «Aínda tiña que entregar moitas obras de madurez, polos coñecementos, información e metodoloxía esixente aos que nos tiña afeitos», subliña Freixanes, quen destaca tanto o traballo de investigación e divulgación de Valcárcel como o seu interese polas novas linguaxes, exemplificadas no seu blog As uvas da solaina .

No 2010 tamén faleceu a cantante Ana Kiro (1942-2010) despois de manter cinco anos de loita contra un cancro. A raíña da canción galega foise despois de publicar 32 discos, convertida nunha icona para a sociedade galega, especialmente para a emigración, onde levou a saudade feita canción a moitos compatriotas na diáspora. A súa habilidade como comunicadora tamén quedou probada na súa faceta de presentadora de televisión. Nunha homenaxe tres anos antes da súa morte, dixo: «Non me choredes se falto, tiven unha vida boa».