12 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Falei con ela só unha vez, por teléfono. Chamoume para agradecer unha columna que falaba da súa valentía. O que escribín daquela podería escribilo novamente. Pareceume unha muller honesta e intrépida. Teño o seu número na axenda, pero non falamos máis, polo tanto débolle esta chamada. E non sei que dicir, porque xa dixeron todo. Insistir, só, no amor a este país. O amor a este país non ten bandeira nin siglas. Non ten cor partidaria ou doutrinaria. Ese amor vai no adentro de cadaquén e cadaquén exprésao como pode, ou quere, ou como sabe. En Galicia temos o pérfido costume de non sumar, senón de restar e dividir. Fixo máis polo galego Ana Kiro que os trinta libros que eu escribín. Fixo máis ela que as academias, institucións e decretos que tanto se discuten. Pero aquí seguimos insistindo na perversión da resta e división, seguimos co carnívoro e voraz costume de tirar pedras contra nós mesmos. En lugar de unir, consensuar, discutir para chegar a acordos, preferimos o aplauso dos fieis e devotos. Ignoramos aos que nos critican. Marxinamos aos que se negan a apoiar os ditames das maiorías ben pensantes. Ana Kiro deixoume a min a lección da suma. Tamén me deixou a súa voz na liña telefónica e o número que miro agora mentres na televisión, e nas radios, a súa voz canta cancións en galego. O galego que levou á emigración nos anos difíciles. O galego que falaba no seu programa de televisión, en todas as verbenas, na súa casa. Era das nosas: dos que sabemos que este país será posible só co verbo sumar instalado nas entrañas. Os que sabemos que Galicia non ten fin porque nunca acaba o que permanece no corazón, ou nas lágrimas, esas que nos corren tantas veces. Amar a Galicia non é votar a un partido ou a outro. Amar a Galicia é sumar con todos aqueles que queren o mellor para ela. Sumar, Ana. Velaquí o segredo. Van como pombas, para ti, os meus bicos.