O Festival da Poesía do Condado debate sobre as loitas feministas

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O certame de Salvaterra de Miño chega este ano á súa 25.ª edición.

02 sep 2011 . Actualizado a las 17:45 h.

O Festival da Poesía do Condado cumpre 25 anos reunindo en Salvaterra a lírica das dúas ribeiras do río Miño. Nesta edición, a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado dedica o evento ás loitas feministas, e mañá aproveitará a xornada para presentar o volume Mulheres entre poesía e luita, editado pola Assembleia de Mulheres do Condado. A Casa do Conde acollerá, mañá ás 13.00 horas, outra das actividades máis intimamente relacionadas co lema do festival. Os colectivos feministas Marcha Mundial das Mulleres, Mulleres Nacionalistas Galegas, Assembleia de Mulheres do Condado, Nomepisesofreghao e Rede Feminista Galega protagonizarán un debate sobre a actualidade das loitas feministas.

O acto central do festival terá lugar mañá na fortaleza de Salvaterra de Miño e contará coa participación dos poetas Ana Romaní, Andrea Nunes, Claudio Pato, Iolanda Aldrei, Lorena Souto, Manuel Darriba, María Rosendo, Paula San Vicente, Sechu Sende e Xosé M.ª Álvarez Cáccamo. Na parte musical, estarán presentes Habelas Hainas, Marful, Ulträqäns, María Alice e Cuchufellos.

O festival comezará xa esta tarde coa apertura de varias exposicións e a proxección da película Umha pola outra (Coup pour coup, Marin Karmitz, 1972). Posteriormente, está programada a Noite nas Minas, na que vai recitar María do Cebreiro, e o grupo De Outra Margem vai interpretar clásicos galego-portugueses xunto con temas de creación propia. Esta é a única actividade de pago, feito provocado polo escaso aforamento das Covas de Dona Urraca.

Durante todo o día de mañá, sábado, as actividades lúdicas e culturais do festival distribuiranse ao longo do día, ata a celebración do festival poético-musical.

A cita máis importante en Galicia

O Festival da Poesía do Condado é a cita lírica máis importante de Galicia. Xusto despois da celebración da Festa do Viño, a fortaleza de Salvaterra tínguese de sensibilidade e compromiso para acoller a poetas galegos e de países lusófonos.

Aínda que o festival cumpre vinte e cinco anos nesta edición, en realidade a cita cultural comezou a desenvolverse en 1981. Debido a restricións económicas, a organización non puido sacalo adiante entre os anos 1996 e o 2001.

Nomes tan importantes na cultura galega como Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Bernardino Graña, Marta Dacosta, Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán Vello ou María do Carme Kruckenberg pasaron nalgunha ocasión polo Festival do Condado.