Ata o vindeiro mes de xuño, a rede ofrecerá 336 funcións, das que algo menos da metade están especialmente destinadas ao público infantil.
05 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Un total de 427 funcións son as que programará a Rede Galega de Teatros e Auditorios máis a Rede Galega de Salas, segundo explicou onte o director da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, na presentación dun programa que «supón un esforzo inversor». Para Fasero, que agradeceu no acto o traballo do xa exconselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, os case 900.000 euros de orzamento para a rede, que está compartido coas entidades programadoras, supón «manter a media das programacións dos últimos cinco anos a pesar da situación de recorte xeral».
Ata o vindeiro mes de xuño, a rede ofrecerá 336 funcións, das que algo menos da metade están especialmente destinadas ao público infantil. O número de espazos que participan na rede son nesta ocasión 39 en 35 localidades. A programación está formada polas propostas de 72 compañías. Entre as que teñen máis funcións nesta programación, están Talía Teatro, Caramuxo, Chévere, Eme2, Teatro do Andamio e Teatro do Noroeste.
Fasero lembrou que a rede cambiara de normativa o pasado ano para favorecer unha maior descentralización da programación. A Agadic aporta á rede o 48 % do montante total.
En canto á Rede Galega de Música ao Vivo, abre este mes a configuración do calendario para programar os distintos concertos. A rede porase en marcha de xeito efectivo no vindeiro mes de febreiro.