Play-Doc repasará a traxectoria de Ross McElwee e Artavazd Pelechian

EFE

CULTURA

O festival de cine documental de Tui volve reservarlle un espazo propio á produción galega

19 mar 2012 . Actualizado a las 21:52 h.

O Festival de cine documental de Tui «Play-Doc» organizará a partir do mércores unha nova edición na que os grandes protagonistas serán Ross McElwee, referente do documental autobiográfico nos Estados Unidos, e Artavazd Pelechian, lenda viva do cine soviético experimental.

Ao longo de cinco xornadas, «Play-Doc» proxectará a filmografía de Pelechian e de McElwee, que presentará xunto ao seu fillo Photographic Memory, cinta na que reflexiona sobre as relacións paterno-filiais, informou unha nota da organización do certame.

Entre os seus filmes máis representativos figura Sherman's March, premiado no festival de Sundance en 1987.

Cinco traballos competirán na sección oficial por un galardón de 5.000 euros: Two years at sea, de Bien Rivers, Viva as Antípodas!, de Víctor Kossakovsky, Mirage, de Srdan Keca, Yatasto, de Hermes Paralluelo, co que levou o premio da crítica na Viennale, e Vikingland, de Xurxo Chirro.

Play-Doc volve reservarlle un espazo propio ao cine documental galego, onde poderán descubrirse os últimos traballos de Sandra Sánchez, Lois Patiño e Ángel Santos.