A Universidade da Coruña nomea doutores honoris causa a Manuel Rivas e John Rutherford

CULTURA

A institución distinguiu o seu compromiso cultural
23 mar 2012 . Actualizado a las 20:08 h.
Rivas accedeu ao paraninfo da Universidade ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia, interpretada por un gaiteiro. O seu padriño, o profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro, subliñou a calidade literaria e o sentido social da obra literaria do escritor, que cualificou de «penetrante, perturbadora e perspicaz». No seu discurso, Rivas se referiu á «capacidade ecolóxica de reexistencia» da lingua galega e como a súa literatura, durante tantos anos «subterránea», lle serve á súa lingua de «fío de leite». Nunha intervención na que enfiou memorias persoais, citas doutros escritores, e lecturas, Rivas defendeu o galego «como patrimonio universal», unha biodiversidade de linguas fronte «o horror do monocultivo». Tamén abordou os recortes en materia cultural e de educación, que definiu non como «un aforro, senón unha substracción». Ao seu xuízo, a peor substracción é a do roubo de esperanza e concluíu co desexo de que nesta primavera «floreza na terra o desexo de ter esperanza».
No seu discurso, Rivas tamén lembrou unha visita que realizou en 1992 ao Centro de Estudos Galegos de Oxford, creado por John Rutherford. Tamén o seu padriño no acto, Antonio Raúl de Toro Santos, aludiu ao traballo de espallamento da cultura galega acometido por Rutherford, tanto como docente como no seu papel de tradutor. O profesor inglés lembrou a súa viaxe de 1959 entre Londres e Ribadeo, unha complicada travesía que durou catro días, pero que o depositou nunha vila que lle habería de cambiar a vida. Rutherford, que confesou que ata daquela fora un estudante mediocre, regresou a Inglaterra cambiado e disposto a afondar nos estudos hispánicos e galegos. Na cerimonia, reivindicou o traballo dos tradutores, avogou por un cambio radical ético que afaste á sociedade dos valores materialistas e relatou como as súas experiencias no Camiño de Santiago o volveron «poñer en contacto cos valores profundos da vida». Rutherford cre que da chamada periferia poden tomarse novos modelos alternativos á hexemonía uniformizadora do centro, e definiuse dende unha triple periferia: Galicia, a tradución e a peregrinaxe.
No mesmo acto foille entregada a Medalla de Ouro da Universidade a quen foi o seu reitor nos últimos oito anos, José María Barja.
O acto rematou co Himno galego.