![Antía Cal recibiu onte, moi emocionada, o premio na casa museo Otero Pedrayo.](https://img.lavdg.com/sc/33WAVZcqkwYdeYQezSD-AqMygmo=/480x/2012/06/25/0012_201206G25P27F1jpg/Foto/G25P27F1.jpg)
A pedagoga recolleu onte en Amoeiro o Premio Trasalba 2012
25 jun 2012 . Actualizado a las 10:35 h.Emotivo discurso cheo de bágoas. Antía Cal encheu con verbas de recordo ao seu home, Antón Beiras, e de reproches aos recortes na educación e saúde, o seu agradecemento onte ao recibir o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo. A casa museo de Amoeiro encheuse de persoas que quixeron acompañar á pedagoga e mestra, cofundadora xunto ao seu marido da Escola Rosalía de Castro. Un centro revolucionario, a principios dos anos sesenta, co que pretenderon tinguir de pluralidade a educación galega. Unha escola pioneira na introdución do galego nas aulas.
«Este premio está dedicado á muller e á mestra que fun e isto fai que me emocione»
Xesús Alonso Montero foi o encargado da laudatio da homenaxeada que, aos seus 89 anos, deu mostra dunha fortaleza e dun espírito avanzado. Dedicou o premio ao seu home, falecido en 1968, e aproveitando a presenza do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, espetou entre bágoas: «Hoxe non podemos consentir que haxa analfabetos no rural», lembrando os tempos na emigración cos seus pais en Cuba. Cal destacou no seu discurso a personalidade de Otero Pedrayo: «A súa presenza facíase solemne e ao mesmo tempo agarimosa».
Víctor Freixanes foi o mestre de cerimonias nun acto no que se lembrou aos que xa non están este ano na convocatoria -Isaac Díaz Pardo e Xaime Isla Couto- e deuse conta dos novos membros do padroado da Fundación Otero Pedrayo, entre os que se atopan o expresidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, os artistas Antón Pulido e Manuel Buciños (autor do busto que se lle entrega ao premiado), e Patricia Arias. Tamén acudiu ao acto de entrega do premio o presidente do Centro Galicia de Bos Aires.