As dúas listas ven «moi difícil» unha candidatura de consenso na RAG

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Só deixan unha porta aberta a pactar dous postos na executiva, pero non o nome do presidente

28 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«É moi difícil. Se querían unha proposta unitaria non se entende a campaña brutal que fixeron de acoso e derribo a Ferrín». Un dos académicos próximos á candidatura de Manuel González rexeita así a posibilidade de chegar a un acordo coa lista encabezada por Xesús Alonso Montero para pactar unha executiva de consenso e chegar cunha lista única ao plenario no que se elixirá ao novo presidente da Academia Galega (para o que se barallan as datas do venres 19 ou o sábado 20 de abril).

O sector que apoia ao actual tesoureiro en funcións da RAG lembra as feridas producidas pola polémica que envolveu a dimisión de Méndez Ferrín e só deixa «unha porta aberta» á integración de dous membros da outra lista na súa candidatura, na que figuran como fixos o aspirante á presidencia e os académicos Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira. «Manuel González vai presentarse á presidencia, iso con total seguridade», recalcan fontes próximas ao candidato.

Os numerarios que apoian a Alonso Montero subliñan que, aínda que xa teñen pechados os cinco nomes da que sería a súa executiva, o feito de anunciar só tres (o do presidenciable e os de Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga) deixa aberta ata o mesmo plenario a posibilidade de incorporar dous académicos da outra candidatura. Pero tampouco aceptan negociar o nome do número un da lista. «O noso candidato é Alonso Montero», recalcan, ao tempo que marcan distancias co pasado: «Agora parece que as dúas propostas son moi similares, pero o programa de González está copiado do que nós dicíamos nos plenarios». «Por iso -engaden estas fontes- non teñen credibilidade, porque non podes dicir agora que vas facer xusto o contrario do que fixeches durante once anos na executiva». O acordo coa outra candidatura, admiten desde o entorno do profesor, é «moi difícil».

Ante a dificultade do pacto, Alonso Montero presentará o luns na RAG a súa candidatura e González o fará uns días despois.