Alonso Montero: «O que desde sempre suscita entusiasmo é a causa da lingua»

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

23 abr 2013 . Actualizado a las 11:26 h.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, referiuse onte no campus de Pontevedra á nova etapa que se abre na institución trala súa elección. O catedrático emérito da Universidade de Santiago animou aos membros da RAG a traballar nun clima de concordia e entusiasmo. «Que a nosa candidatura en principio non suscite moito entusiasmo enténdoo, pero o que desde sempre suscita entusiasmo é a causa da lingua galega», afirmou antes de pronunciar unha charla para alumnos da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte coincidindo co corenta aniversario da publicación do seu Informe dramático sobre a lingua galega.

A preguntas dos xornalistas, Alonso Montero indicou que sobre a base do respecto e da educación hai «que pedirlle ao presidente da Xunta o financiamento que a Academia necesita». Tamén reiterou que a defensa do idioma será unha das máximas da executiva que encabeza, facendo fincapé en que se manterá o recurso ante o Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba parcialmente o decreto do plurilingüismo.

O novo presidente admitiu que o punto de maior conflito na anterior etapa foi o capítulo da contratación e que por iso se traballa nun esquema de protocolo «Imos aternos a iso», dixo. Non obstante, sinalou que noutros aspectos a xestión do seu predecedor na institución, o dimitido Xosé Luis Méndez Ferrín, foi «exemplar».