A Bienal Literaria constata a boa forma da creatividade en Galicia

Redacción / Santiago

CULTURA

Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Nélida Piñón e González Tosar no último encontro da Bienal en Santiago.
Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Nélida Piñón e González Tosar no último encontro da Bienal en Santiago. pablo f. capón< / span>

O PEN pide no seu 25 aniversario un maior esforzo para exportar o talento

04 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Os grandes nomes da literatura déronse cita onte nunha gran homenaxe ás letras galegas en Santiago no marco da sexta Bienal Literaria, que celebrou o 25 aniversario da sección autonómica do PEN Internacional. «A Galicia de hoxe, comparada coa Galicia de hai vintecinco anos, é moi superior en canto a creación cultural», sinalou o presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar. «Cada vez hai máis xente e mellor preparada, o que falta é trasladar iso ao exterior a través de traducións e dos circuítos culturais e literarios internacionais», engadiu.

A guinda da Bienal foi un encontro de luxo no que participaron Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas. A escritora brasileira subliñou que todo escritor ten «a ilusión» de que polo menos un poema, unha novela ou un traballo «perdure». No entanto, engadiu que a literatura é unha «dimensión extraordinaria sen garantías» porque non proporciona certeza.

Rivas sinalou que o PEN de Galicia é unha institución «presencial» que non vai desaparecer dun día para outro, a diferenza das redes sociais que son de carácter «efémero e artificial», polo que teñen que manter unha natureza «non subordinada».

Ferrín apelou a conservar o idioma, así como a preservar palabras que caen no esquecemento. Detallou que el descubriu, «cando chegou a vello», que o seu «primeiro inimigo» era a nostalxia, ao ver que as palabras «determinantes» coas que viviu e creceu xa non se utilizan. «Morriña e soidade xa ninguén as usa», concluíu.