Roque. Santiago de Compostela. 23 de decembro do 2012

CULTURA

Quinto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

05 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Roque Sanmartín era un home pacífico, por iso lle resultaba incomprensible a imperiosa necesidade que sentía de caerlle enriba a puñadas ao home que lle falaba.

-O clero sempre gozou de privilexios. Iso é innegable. Pero neste caso, foi vontade do anterior director do centro establecer os termos deste acordo que agora afrontamos no ano 2003. E eran ben claros. Dez anos de moratoria. O ano que vén deberán levar a cabo o traslado. Deben deixar as instalacións de Santa Catalina no centro histórico e mudarse ao edificio que están a construír. Se non abandonan este centro ao comezo do curso 2013, acudiremos aos tribunais e isto rematará cun desafiuzamento. E non é iso o que queremos, verdade?

-A caridade cristiá non entra dentro dos termos do acordo?

-Padre Sanmartín, os cinco millóns de euros e os terreos que recibiron hai dez anos aseguráronlle á súa orde toda a caridade cristiá que as arcas da nosa empresa podían asumir.

Sorriu amosando unha perfecta dentadura branca que lle lembrou á dun depredador nun documental televisivo. Roque sabía que o acordo era innegociable. Só co dobre desa cantidade rescindiría o acordo. As obras no terreo do Milladoiro estaban a piques de rematar. O vindeiro curso deixarían atrás Santa Catalina.

-Estude ben os termos do acordo, Padre. Recapacite.

-Coa crise, os terreos xa non valen tanto.

-Razón de máis, Padre Sanmartín, razón de máis. Vaia preparando a mudanza.

Roque maldiciu polo baixo ao construtor. Supoñía que o pastel inmobiliario estaba esgotado en plena crise e rezaba acotío para que a empresa declarase a creba. Para que se obrase un milagre, aínda que facía anos que Roque non cría neles.

Cando o home abandonou o seu despacho, Roque colleu o gabán e saíu case pisándolle os talóns. Dirixiuse á praza da Quintana. Alí sempre se sentía preto de Deus.

-Padre Sanmartín.

Unha muller duns corenta anos plantouse diante del.

-Son Lía. Lía Vázquez.

-Lía! Polo amor de Deus! Cantos anos?

-Vinte e cinco -interrompeuno ela-, ou case. E precisamente por iso me alegro tanto de atopalo. De feito ía pasar un día destes por alí. Estamos a organizar unha cea polo aniversario da nosa promoción. Quería avisalo a vostede e aos demais.

-O Padre Ramón morreu o ano pasado. Agora son o director.

-Escoitárao. O certo é que estamos en contacto un grupo grande de exalumnos. A día de hoxe, sobre cincuenta e dous. Ademais estamos xuntando material fotográfico para facer un CD. O Padre Ramón tiña moito material dos festivais, da excursión de primeiro a Madrid e daquela viaxe que fixemos aos Ancares cos grupos cristiáns. Parécelle ben se me acerco un día e buscamos algo?

-Si, por suposto. E disque sodes cincuenta e dous?

-E algúns ata famosos. A que non sabe quen vai vir? Eu non o pregoei moito porque usa o seu nome de antes.

-Tina vai vir?

-A mesma. Val Valdés en persoa. Parece incrible que sexa a nosa Tina, verdade?

-Incrible -repetiu polo baixo.

Incrible era pouco. Roque nunca puido entender onde agochaba Val Valdés a esa Tina que o abraiara no seu primeiro ano coma mestre. Desaparecera a finais de primeiro e tralo programa soubo por que.

Dende aquela, imaxinara moitas veces o que lle diría se a vida volvía xuntalos. Agora que iso ía suceder, estaba case seguro de que lle confesaría que estaba orgulloso dela. A pesar de todo. O que nunca imaxinara era que, acto seguido, tería que pedirlle un favor. Quen sabe. Nunca era tarde para volver crer nos milagres. Aínda que estes custasen dez millóns de euros.

RESUMO

En decembro do 2012, Marcos Leis recibe unha invitación para agregarse a un grupo de Facebook de antigos alumnos do colexio Santa Catalina, coa finalidade de organizar unha cea polo 25 aniversario da súa promoción. No grupo, Marcos descobre a presenza de Tina, un vello amor de xuventude que o deixou profundamente marcado. Tras unhas breves pescudas en Internet, Marcos decátase con sorpresa de que Tina é a famosa empresaria Val Valdés, fundadora do Grupo LAV, e gañadora do programa «Sobrevivindo».