Roque. Santiago de Compostela 16 de decembro de 1984

CULTURA

ABRALDES

Décimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

10 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

-Vostede fala da fe a través do coñecemento. Da vivencia da caridade. Buscou a palabra fe no dicionario, Padre Roque? Eu si. Virtude teologal que consiste en crer como verdade indubidable o que ensina a Igrexa. Indubidable, Padre. A Igrexa castra a nosa capacidade de procura do coñecemento. E sabe por que? Porque detrás da cada acto de fe existe unha verdade racional que choca de fronte coa súa Igrexa.

-É a Igrexa de todos, Tina. Pero interésame moito a túa teoría. En parte porque a comparto.

Unha pequena parte dos alumnos riron polo baixo. O Padre Roque era así. As súas clases eran divertidas e distintas. Nelas falaban e cuestionaban tódolos aspectos dos libros de texto. A visión do sacerdote sempre lles sorprendía. Nas clases tratábanse temas ata agora prohibidos. En menos de dous meses, Roque xa recibira dous avisos da dirección cuestionando os seus métodos, pero o certo era que os resultados da primeira avaliación de historia e relixión revelaron un abraiante nivel de implicación e evolución dos seus alumnos. Roque sabía ben como motivalos.

-Ponme un exemplo.

-Compostela. Cidade de peregrinación. De verdade cre que o Apóstolo está enterrado aquí? Algúns historiadores consideran que as tradicións sobre a predicación de Santiago en España e o seu posterior enterro en Galicia, non acadan máis consideración que a dunha vulgar lenda. A teoría da cristianización e nacemento do Camiño de Santiago respondería a un determinado contexto histórico: a situación do Reino de Asturias ao que pertencía Galicia, en loita coa España musulmá. Unha mera cuestión de nacionalismo histórico. Con que quere seguir? Coa Inmaculada Concepción? Coa orixe do universo?

-Tina formula hoxe o eterno conflito entre a ciencia e Deus. Vasme preguntar pola orixe do universo? Encántame a física cuántica. De feito, son un experto. En canto á túa teoría en torno ao Apóstolo, pódese rebater facilmente. Facedes moi ben en non crer todo o que vos digan. Pero o importante, Tina, é que máis aló de teorías históricas ou científicas, o certo é que ningunha desas hipóteses demostrará que Deus non existe. Nin o contrario.

-Entón, en que quedamos?- preguntou Lía.

-Quedamos en que necesitades descubrir a Deus fóra da clase de Relixión. Por iso, como coordinador das actividades dos grupos de orientación cristiá, esta Semana Santa organizarei unha viaxe aos Ancares.

-Para que?

-Iremos traballar no campo. Ofreceremos a nosa axuda aos seus habitantes. Apenas hai dez anos que abandonaron as pallozas. Paréceme moi educativo que vivades sete días sen auga corrente, sen teléfono e sen televisión.

-E sen pais -dixo alguén na primeira fila. Escoitáronse unhas risas.

O timbre afogou o balbordo da clase. Roque observounos mentres saían.

-Tina por favor, podes quedar un momentiño?

A rapaza lanzoulle unha ollada contrariada. A Roque gustáballe o seu inconformismo.

-Quero que te unas ao grupo de orientación cristiá.

-Anda á procura de novas almas?

-Ando á procura de xoves intelixentes que queren cambiar o mundo. Leva o folleto, por favor.

Tina colleu o papel de mala gana. El sorriulle.

-Non é vostede coma os demais -recoñeceulle ela.

-Ti tampouco, Tina.

O sacerdote saíu deixándoa soa. Leu o folleto. Xoves en marcha. Participa nunha sociedade mellor. Grupo de Orientación Cristiá de Santa Catalina. Polo menos o debuxo era bonito. O Padre Roque tiña bo gusto. Quedaría moi ben nas camisetas, pensou, ollando o anagrama.

Unha perfecta estrela azul de cinco puntas sobre un fondo amarelo.

Resumo

Meses antes da cea do 25 aniversario da promoción do colexio Santa Catalina, Marcos lembra a súa relación con Tina, e como esta o abandonou para casarse cun home maior. Na actualidade, Marcos está casado con Nuria e ten dous fillos, pero mantén unha relación cunha rapaza de 20 anos, Tamara. Marcos confésalle a Tamara que coñece a unha persoa moi famosa que lle pode proporcionar bastantes cartos. Ámbolos dous cobizan eses cartos, para que Marcos poida deixar á súa muller e fuxir con Tamara.