Roque. Santiago de Compostela. 21 de xuño do 2013

CULTURA

Décimo quinto capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo», de Arantza Portabales

15 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

-É vostede o Padre Roque?

-Si, son eu. Vén vostede pola inscrición? Temo que xa está pechada.

-Non. Verá, eu non sei como falar disto. Poderiamos ir a un lugar máis retirado? Ao seu despacho?

Estaban no patio de Santa Catalina despedindo o curso académico. Un máis. O último. O derradeiro, mellor dito. O 1 de setembro trasladaríanse ás modernas instalacións do Milladoiro. Ollouna disimuladamente. Era morena e baixa. Semellaba nerviosa.

-Estamos a pechar o curso e teño que despedir aos pais. Quizais hoxe non é o mellor día.

-Por favor...

Roque percibiu á súplica na súa voz e asentiu cun aceno.

-Faga o favor de esperarme na igrexa. De seguro alí poderemos falar máis tranquilos.

A igrexa de Santa Catalina tiña unha sobria fachada neoclásica. Era unha igrexa fermosa e robusta coma a súa fe. Cada vez que a súa vontade fraqueara, Roque atopara neste edificio serenidade, equilibrio e respostas. Perdón para a súas faltas. Comprensión para atender aos que estaban ao seu cargo. Forzas para exercer o seu ministerio. Para guiar a varias xeracións de nenos. Roque sentía que parte da súa alma estaba a punto de ser expropiada.

A muller sacou as gafas de sol e Roque decatouse, a pesar da escuridade, de que estaba terriblemente pálida.

-Padre Roque, son Nuria Sierra.

-Temo que non lembro...

-Non nos coñecemos. Son a viúva de Marcos Leis.

-Deus, filla. Síntoo moitísimo. Por suposto, vin fotografías nos xornais. O meu sentido pésame. Deus terá misericordia da alma de Marcos e de seguro o acolleu xa no seu seo.

-A estas alturas a alma do meu home non me importa Padre, pero os que quedamos aquí estamos a sufrir as consecuencias dos seus actos. Necesito axuda.

A súa voz quebrouse e rompeu a chorar.

-Polo amor de Deus, teño dous fillos adolescentes. E non son capaz de miralos aos ollos e darlles unha resposta.

-Nuria, non sei en que podo eu axudala, máis aló de ofrecerlle o consolo cristián...

-Non quero consolo cristián! Quero respostas!

-Respostas a que? Cales son as preguntas? Coñecín ao seu home. Foi alumno meu. Pero hai vinte e cinco anos que deixou o centro.

-E a muller? Val Valdés. Tamén foi alumna súa.

-Tan só en primeiro de BUP. Despois marchou a vivir a Madrid. Non lle vou descubrir nada que non lera nos xornais. Non os volvín ver a ningún deles dous ata a noite do asasinato. Atopámonos todos no Hostal dos Reis Católicos. Ceamos, charlamos, e antes do café, Marcos e Val abandonaron a cea. Ao día seguinte pola tarde unha exalumna comunicoume o sucedido. Aínda non dou crédito.

Nuria abriu o bolso e sacou uns papeis.

-Marcos viaxou a Madrid en marzo deste ano. Non facía falla levar dezaoito anos casada con el para decatarse de que traía algo entre mans. Despois encargou unha investigación sobre Val Valdés. Seino porque atopei este informe de seguimento dun detective privado. E este certificado do Rexistro Civil.

-E que ten iso que ver comigo?

-No sobre estaba apuntado o seu nome e o seu número de teléfono. Bótelle unha ollada. Sei o tipo de home que era Marcos. Pero el está morto e esta información afecta aos meus fillos. Vostede coñeceunos nesa época. Marcos quería saber a súa opinión do asunto, polo que parece. E eu tamén quero sabela.

-Déixeme ver os papeis. Pero ten vostede que esquecer, Nuria. Debe chegar ao perdón. A ira non lle devolverá a Marcos.

Ela abriu a boca e volveuna a pechar, imaxinando a cara do cura se lle dixera a verdade. Que non lle chegaban os días da súa vida para agradecerlle a Val Valdés que matara a ese fillo de puta.

RESUMO

Tras coñecer que se está a preparar una cea de aniversario de exalumnos na que coincidirá coa súa ex, Tina González, Marcos Leis viaxa a Madrid coa intención de obter información sobre ela. Marcos rememora a súa relación con Tina, e como non se decatou da súa participación no programa de telerrealidade, convertida en Val Valdés, polos seus problemas persoais e de adiccións nesa época.

Marcos consegue no Rexistro Civil unha copia do certificado de nacemento do fillo de Val: Roi Wagner González.