
Décimo sétimo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé
17 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.-A xunta xeral extraordinaria na que se me nomeou vicepresidente foi en xuño.
-Xa o sabes.
-Quero saber a data do poder que che conferiu a miña nai para actuar no seu nome nesa xunta. É anterior á do asasinato?
-Por que?
-Porque quero sabelo.
-É anterior.
-Anterior. Xa. Ti sabes o que significa iso.
-Premeditación. Val deixouno todo arranxado. Coma sempre.
-Quen sabe isto?
-De momento ninguén preguntou polo asunto. Só ti te decataches da importancia da data do poder. E así vai quedar. Se alguén me pregunta, direi que eu convencín a Val para nomearte vicepresidente porque consideraba que era o momento ideal para un traspaso de poderes.
-E dirás iso nun xuízo, baixo xuramento?
-Sabes que si.
-Tés idea de por que o fixo?
-Non di nada.
-Non che preguntei que di. Pregunteiche se tes idea de por que o fixo. Deixa de tratarme coma un neno. A semana pasada fun vela e encargoume que abrise unha conta en Suíza para os fillos dese home.
-Seino. Teño todos os datos.
-Ademais dos nomes e onde viven, que sabes deles?
-Pouca cousa. Sei o que puiden descubrir, e non é moito. O home, Marcos, foi compañeiro da túa nai no colexio de Santa Catalina, en Compostela. Como ben sabes a túa nai estudou alí ata primeiro de BUP. Nunha excursión coñeceu a Matías e casou con el. Despois naciches ti. A túa avoa materna morreu cando ti tiñas seis anos. Despois do seu pasamento, Val non volveu a Galicia. Ata o día do asasinato. O 17 de maio tiñan organizada unha cea de vinte e cinco aniversario da promoción da túa nai. Ela confirmou a súa presenza meses antes, o cal, tratándose da túa nai, xa era estraño dabondo. Sabes que non se prodigaba moito.
-Pois se foi sería porque tiña un motivo.
Martín abriu un caixón e sacou un sobre.
-Isto é todo o que puiden conseguir. Despois do asasinato encarguei unha pequena investigación sobre Marcos Leis. A que se dedicaba, con quen andaba? Os seus movementos dos últimos meses. Tamén pedín que pescudaran algo sobre a súa época adolescente. Aí está todo. Non é moito, pero é máis do que ela che vai contar.
-Que posibilidades temos no xuízo?
-Tal e como está actuando ela, ningunha. Temos que intentar o da eximente de anomalía ou alteración psíquica.
-E a lexítima defensa?
-Teriamos que probar que foi atacada e que a súa agresión foi unha resposta proporcional.
-Se ela non colabora non temos nada que facer. Haberá xurado popular?
-Coido que si.
-Aí temos unha baza. Sempre foi boa manexando ao público.
-Non serán o público dun reality. Serán cidadáns desexando esfolar vivo a un famoso.
-É que por máis voltas que lle dou, non atopo ningunha razón.
Martín baixou a vista.
-Ti sabes algo.
-De verdade cres que se pode saber algo seguro, tratándose da túa nai?
-Pero terás unha opinión.
-Téñoa. Pero non sei se queres escoitala.
-Acabo de dicirche que deixes de tratarme coma a un neno. Son un home. A ver se vos decatades dunha vez!
-A túa nai casou con teu pai en xullo de 1985. Ti naciches en xaneiro de 1986.
-Casou embarazada. Iso sábeo todo o mundo.
-O que non sabe todo o mundo é que coñeceu ao teu pai en maio, nunha excursión que fixo a Madrid. O que non sabe todo o mundo é que era noiva de Marcos dende 1984. A familia del estaba radicalmente en contra da relación porque Val era de orixe bastante humilde e filla de solteira. E o que non sabe todo o mundo é que Val e Marcos foron cos grupos de orientación cristiá aos Ancares en abril.
Martín tendeulle os papeis por riba da mesa. Roi comprendeuno de súpeto.
-Si, Roi. Marcos Leis era o teu pai.
RESUMO
En 1985, quince anos antes de converterse nunha estrela televisiva en «Sobrevivindo», unha xovencísima Tina González coñece, no Museo do Prado, a un home maduro que se interesa por ela ao descubrila chorando. O home, Matías Wagner, entra en conversa con ela e queda abraiado pola súa madurez, polo que lle entrega a súa tarxeta ao tempo que fai que o seu chofer a acompañe ao hotel.
Xa no hotel, e do mesmo xeito que xa sucedera na súa visita ao museo, Tina síntese indisposta e acaba vomitando no baño.