Emotiva despedida a Fernández Paz

La Voz / iván g. calaza / m. c. REDACCIÓN

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

O mundo da cultura arroupou á familia do autor nun acto celebrado onte en Vigo

14 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha ampla representación da cultura galega acompañou onte en Vigo á familia e os amigos de Agustín Fernández Paz no acto en memoria do escritor, finado o pasado martes. A lembranza do autor celebrouse pola tarde no tanatorio de Pereiró. Nas súas salas acudiron a despedirse do autor e amosar ás súas condolencias á súa dona, Inma Reino, e á súa filla, Mariña, un incontable número de escritores, editores ou políticos que trataron a Fernández Paz ao longo da súa traxectoria literaria, pero que tamén gozaban da súa amizade.

Estaba presente o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, xunto con outros académicos como Fina Casalderrey, Antón Santamarina, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Ramón Villares, este último tamén presidente do Consello da Cultura. Escritores como Xabier DoCampo, Paco Martín, Francisco Castro, María Solar, Marica Campo, Isidro Novo, Carlos Negro, Rosa Aneiros, Xosé Antón Perozo ou Fran Alonso, persoal de Edicións Xerais, a editora coa que Fernández Paz publicou tantos libros, políticos como Camilo Nogueira ou Ana Pontón, e xentes do eido universitario e das letras como Camiño Noia e Xulián Maure honraron a memoria do autor. Ao longo da xornada tamén acudiron máis persoas polo tanatorio, entre eles o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o de Política Lingüística, Valentín García.

Abriu o acto Manuel Bragado, director de Xerais, quen deu paso a Ledicia Costa, quen leu un anaco dun texto de Agustín Fernández Paz. Seguiron as intervencións de Fina Casalderrey, Paco Martín, Xabier Senín, Xosé Lastra e Xabier DoCampo. As súas palabras xiraron arredor da obra literaria de Fernández Paz, o desenvolvemento da súa vocación pedagóxica, tanto nas clases como na organización de seminarios e diversas publicacións, así como a súa calidade humana. Por último, Bragado retomou a palabra para pechar o acto, que concluíu cunha interpretación na zanfona de Negra sombra, un colofón cumprido á emoción que caracterizou as intervencións e os asistentes que ateigaban a sala.

O libro das festas de Vilalba contará cun artigo inédito póstumo do escritor chairego

Vilalba lamenta a perda dun dos seus grandes embaixadores. Agustín Fernández Paz, nado no barrio vilalbés das Fontiñas, era unha persoa moi querida e respectada na vila. O escritor aínda fará un último acto de servidume aos seus veciños. Hai apenas un mes enviou un artigo que se publicará no próximo libro das festas do San Ramón en agosto.

Oscar Vazquez

O Concello de Vilalba declarou onte día de loito oficial e as bandeiras da casa consistorial ondearon a media altura. Representantes dos centros educativos da vila, de asociacións, amigos e veciños de Agustín amosáronlles as súas condolencias á familia a través dunha mesa de firmas instalada na Casa da Cultura vilalbesa. «Marchou un dos nosos, nunca o esqueceremos porque deixa moito por que recordalo», comentaba unha das persoas que se achegou a mesa de sinaturas que contaba tamén con algún dos libros do escritor.

Tamén a Asociación Cultural Val de Láncara, que hai uns anos lle concedeu o premio Facer País, amosou o seu pésame polo pasamento de Agustín Fernández Paz.