
Viséximo capítulo da novela por entregas «Noire Compostela», de Blanca Riestra
20 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Touriñán fuxiu da casa escopeteado. Resistira a tentación, iso era o principal. Baixou a brincos polas escaleiras sen mirar atrás. Supuxo que a chica estaría a ollar para el pola ventá. Non daría crédito. Iso era o de menos, pensou.
Tiña as zapatillas postas e botou a correr. Non se vía ninguén. Dun tempo a esta parte os seus costumes fixéranse bastante intempestivos.
Avanzou a través das rúas desertas. Escaparates escuros, comercios pechados, cans senlleiros fochicando no lixo. Non escapaba de ninguén, escapaba de si mesmo. Lonxe da catedral, a cidade non era máis ca unha aldeíña inhóspita. Pensou en achegarse á Ferradura, ao vello xardín, enchido de árbores milenarias e vizosas.
Tiña o espírito revolto. Íalle facer ben o ar fresco. Avanzou a chancadas baixo os tileiros e os plátanos que loitaban por acadar o ceo negro coas súas ramaxes. Ao lonxe víase a torre da Berenguela. Nalgúns ángulos acochados, máis lonxe, parellas de homes falaban e beixábanse. Pensou como sería bicar a un home. Sentiríanse transportados e felices. O beixo é un dos grandes misterios da creación, tan poderoso e tan inútil.
Correu e correu polo Pombal e subiu un pouco Pedroso arriba. Escoitara nalgures a historia da selva negra. Seica no século pasado, todos os veráns, a muller do dono, un ilustre médico compostelán, adoitaba instalar o seu piano de cola na ladeira, entre os espiños. Alí pasaba os días tocando. Agora na sombriza, a selva negra víase ameazadora.
De regreso ao hotel onde vivía, na praza de Galicia, Touriñán tivo que chamar e espertar o vixilante, sempre durmindo detrás do mostrador coa pequena televisión portátil acendida. Resoaban a teletenda ou os anuncios de prostitutas e videntes.
-Mande? -sobresaltouse o tipo.
-Boas noites. Desculpe que o esperte, esquecín a chave.
O vixilante respirou e, arduamente, alzouse. Xa estaba afeito ás teimas do madeiro que vivía na 204. Moi maniático. Prefería vivir con catro trastes alí, que alugar un pisiño con piscina en Milladoiro ou en Fontiñas coma moitos dos seus colegas. Bueno, el non era quen de dicirlle a ninguén como vivir.
-Aquí ten. Pase unha boa noite.
Touriñán non tomou o ascensor, subiu polas amplas escaleiras a alancadas. Ninguén forzara a porta. Quen ía ter interese naquel caso? El tamén che prefería mil veces os habituais casos de homicidio, as pelexas polos lindes das propiedades que remataban en crimes, ás veces ata en despeces, que polo menos eran previsibles.
Deitado na cama de novo, acendeu o magnetoscopio. De neno adoitaba coleccionar casetes con vídeos do Michael Jackson. Gravábaos el mesmo directamente dos programas da tele. Os seus favoritos eran Michael Jackson e Queen.
A cinta de Paco penetrou nas fauces da máquina.
Aquela noite non se sentía con paciencia. Acelerou, deulle ao fastforward. E a cinta avanzou cun barullo xordo. De súpeto saltou a imaxe e alí estaba ela. Sorrinte e sedutora, falando con alguén que lle dicía cousas fóra do cadro, mentres ela sacaba o corpiño e logo as bragas e abaneábase nun baile que nin sequera era baile: un trámite tan vagamente sexual que podería exhibirse nas gardarías para as festas de fin de curso.
Pasouno unha, dúas veces, logo apagou a luz e deixouse ir en compañía da rapaza que xa non sorría e que non tiña nada que dicir; a rapaza que vivía nunha casa baldeira coma el, nunha casa maldita. E Touriñán sentiuse por vez primeira en calma.
E logo, cando a neve dixital volveu, prendeu o sono. Pero, esta vez, non tivo pesadelos. Foron os seus soños felices.
RESUMO
Touriñán sucumbe á tentación e sube a visitar a Dafne no seu piso, de madrugada. A rapaza tampouco dorme. Case aliviada, faino entrar. O policía entra na terrorífica casa baldeira, sen futón, nin mesas, nin adornos. Ela recíbeo con ironía e faino sentar na única cadeira. Touriñán pregúntalle sobre a súa vida, que pensa facer no futuro. Ren, responde ela. De onde é? Ela confesa que é de Allariz coma el. Aínda que non vai nunca. Cando a situación empeza a enrarecerse, Touriñán foxe.