
Vixésimo oitavo capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra
28 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Nunha cafetería do Franco, templo secular dos bocadillos, Paco e Touriñán falaban.
-Digamos que a vocación da deep web semella enciclopédica, é coma un congreso supranumerario do mundo. Todo queda alí dentro, é curioso -todo, todo- cun especial interese polo criminal, non o nego, pero tamén polo sublime.
-Non sei que pode haber de sublime nuns chats pechados que non están ningures.
-Esa é a túa visión do que é a rede profunda?
Touriñán calou.
-Pero o máis impresionante é que hai cousas que non parecen ter propósito, xente que se mergulla alá na deep web e parece que estea soamente facendo un largo na praia de Espiñeiro: chapuza, aboia, dá unhas brazadas, lémbrase da súa avoa e da súa primeira moza, canta un bolero.
-Dicíasme que non podemos saber o que estaban a facer os rapaces.
Paco e Touriñán xa estaban paseando polo Toural camiño do Sar.
-Obvio, os seus camiños están encriptados e eles xa non están para desembarullar o barullo.
-Pero, aquí, entre nós. Cal crees que era a súa mercadoría?
-Aquí, entre nós, Touri, ignóroo. Con todo, podería dicirche que estou seguro de que aquilo co que comerciaban tiña que ver coa maldita cinta. Quizais non sexa a cinta propiamente dita, xa que non hai nada na cinta que inculpe a ninguén, a menos que algunha persoa se sentise recoñecida.
-Pero non se ve a ninguén. Só a rapaza.
-E no caso de que alguén quixese desembarazarse das testemuñas do seu desfase, debería ter empezado pola rapaza mesma.
-Entón pode ser que a rapaza estea en perigo?
-Non o creo, maiormente, porque se estivese en perigo xa estaría morta e baixo terra. Ademais, sen lugar a dúbidas a rapaza é unha inmortal e non creo que poida morrer de mans dun tiparraco calquera.
-Xa comezamos. Paco: que di a túa moza das túas chorradas?
Paco fitou para el con arroubo.
-Nada, Touri. Son gai.
Touriñán púxose vermello.
-Pois mellor para ti -dixo-, librácheste de moitos problemas.
-Vaiche boa -divagou Paco, burlón-. A fin de moitos dos problemas é soamente o nacemento doutros tantos.
Continuaron camiñando, en silencio, polas rúas máis modestas, aldeás, cara o río. O Sar é un lugar un pouco alegre e un pouco triste onde hai verbenas populares en verán e a xente gusta de bailar á anoitecida.
Sentaron nun banco e Paco liouse un porro amodiño, gozando do momento.
-O problema é que a cinta significaba algo para alguén, era o anuncio de algo.
-O anuncio de algo?
-Por que non? O anuncio de algo por vir, dunha parusía.
-Xa empezamos coa metafísica. E se simplificamos? E se non era máis que o obxecto por mor do cal se efectuaba un suborno?
-Pode ser, os rapaces subornaban a alguén, ameazándolle con facer público o contido da gravación.
-E os outros pagaban e mel nas filloas.
-E os rapaces subíronse á parra e empezaron a pedir máis e máis, ata que o seu cliente se fartou e os mandou matar.
Paco pasoulle o canuto ao inspector. O inspector deu unha calada.
-Pero, que había na cinta á parte da rapaciña guapa?
-Ai, Touri, había unha rapaciña que non morre, esa a cuestión.
-Mira, amigo, podes ser pándego en moitas ocasión, pero hoxe non te aturo.
Fumaron mentres a brisiña do río refrescaba os seus caletres.
-A verdade é que, sexa unha cousa ou a contraria, é o mesmo, Touri, Compostela é un ápice de chuvia no farallón minúsculo que é o noso planeta. E mentres nós discutimos, aquí sentados neste banco, sobre rapaces e mortes e propósitos incomprensibles, a Terra segue a xirar sobre si mesma, coma unha buxaina, e a ninguén lle importan os mortos nin os vivos, o mundo é así e así se queda.
RESUMO
Touriñán intenta infrutuosamente que a rapaza fale. Presente que ela formaba parte dunha transacción, onde só sobreviven ela e a mercadoría. Tanto Xurxo como o Tolo están mortos.
Pola noite, atopa a Paco no Franco. Paco afirma ter novas informacións pero faino esperar. Logo de rematar o seu bocata, dille que penetrou na web profunda e que, alí, circulan os billóns que da gusto, e que ese é o lugar para facer cartos e non a bolsa de Tokio. Pero que lle é imposible saber o que facían os rapaces.