Publican en xaponés «Os Eidos» e un libro de gramática galega

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Trátase de traballos do lingüista e académico correspondente Takekazu Asaka,«un exemplo importante para a nosa lingua»

05 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor da Universidade de Tsudajuku recentemente nomeado académico correspondente, Takekazu Asaka (Toquio, 1952), acaba de publicar en xaponés un libro de gramática galega, co que actualiza outro que fixera no ano 1993, e a tradución a esa lingua de Os Eidos I, de Uxío Novoneyra. «Dende que coñecín ao escritor no ano 91-92 encantoume a súa maneira de crear e, despois de visitar O Courel, entendín o que expresou en Os Eidos», asegurou o lingüista, quen con anterioridade xa traducira á lingua nipona obras de Rosalía de Castro e Ramón Cabanillas, entre outras. 

Os dous traballos foron presentados onte en Santiago, nun acto no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os autores dos limiares dos libros, o académico da lingua Francisco Fernández Rei -da gramática- e o poeta Claudio Rodríguez Fer -do poemario-; así como a presidenta da Fundación Uxío Novoneyra, Elva Rey, entre outros. García destacou o papel de valedor do galego que exerce Osaka. «O seu é un exemplo importante para a lingua» afirmou, para destacar o valor engadido que supón o traballo do profesor nipón para a súa difusión.

Na publicación para ensinar galego aos xaponeses, Nova gramática do galego, Asaka aporta novos apartados e máis exemplos que na versión Gramática do galego moderno, que publicara en 1993, ademais de actualizar o texto conforme a normativa do 2003. O autor do limiar, Francisco Fernández, indicou que este traballo vai ser, ademais, material imprescindible para un curso de galego que se vai impartir nunha universidade de Toquio. «É un manual práctico, ten moita exemplificación», destacou despois de repasar o vencello con Galicia de Asaka tras aquel primeiro contacto no ano 1989. 

En canto a edición bilingüe galego-xaponés do poemario Os Eidos (1955), de Uxío Novoneyra, Asaka incidiu na dificultade para traducir a obra porque termos que empregou o autor non aparecen no dicionario, pero asegurou que finalmente si puido transmitir o ambiente do Courel á lingua oriental. Pola súa banda, Claudio Rodríguez Fer, encargado do limiar, incidiu nas moitas conexións da poesía de Uxío Novoneyra coa xaponesa, ademais do traballo desenvolvido por Asaka. «Labores como a súa son fundamentais no só para a supervivencia do galego, senón para a supervivencia da diversidade humana», afirmou. 

Takekazu Asaka -«ou Takiño como me chaman aquí»-, explicou que estas publicacións son os seus últimos traballos da vida universitaria.