Cristina Pato: «O proxecto sobre o Pergamiño Vindel é unha viaxe no tempo»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

A gaiteira e pianista chega cun novo proxecto «O Pergamiño Vindel: unha viaxe musical» 

14 dic 2017 . Actualizado a las 12:32 h.

Postos a facer balance, o 2017 veu cheo de recoñecementos, de actos de xustiza, para a gaiteira e pianista Cristina Pato (Ourense, 1980). Camiña cara ao 2018 cun aquel de non parar -ten actuacións en Ourense e Vigo (día 19), xa coa maleta preparada para a súa xira chinesa- e séntese venturosa polo vivido: «É un pouco de vertixe por todo o que pasou este ano. Dei moitos pasos cara a adiante no profesional e no académico e estou moi satisfeita e agradecida por todo o vivido». Logo do Grammy, de ser artista destacada en Harvard, de desenvolver proxectos académicos nesta universidade e na de California, de recibir a medalla Castelao e un dos Premios da Cultura Galega, agora chega cun novo proxecto: O Pergamiño Vindel: unha viaxe musical. Hoxe actúa en Ourense con Nicholas Cords (20.30 horas, Teatro Principal).

-¿Como naceu o proxecto con Cords?

-Os dous formamos parte do Silk Road Ensemble, de Yo-Yo Ma. El é un dos fundadores e o codirector artístico. Desenvolvemos moitos proxectos xuntos e participamos no ciclo Enclave de Cámara cun programa a base de obras contemporáneas, clásicas e tamén un par de estreas.

-¿E a proposta do Vindel?

-A Universidade de Vigo comentoume se podiamos facer algo. E sentín un pouco de medo, porque o meu é outro mundo, non o da música antiga. E as cantigas, como todos os músicos, o xusto. E púxenme a ler, a pescudar, achegueime a elas como debe facelo alguén que non sabe, e contactei con académicos e con especialistas... e naceu esta proposta.

-E enredou a unha manchea de artistas.

-Si, participan o Grupo Martín Codax, Anxo Pintos, Begoña Riobó, Woyza, o Coro da Mariña, Yago Vázquez, Roberto Comesaña e Miguel Cabana. É unha viaxe musical no tempo, na que cada un de nós afrontou arranxos nunha das sete cantigas, e na que facemos un percorrido no tempo, como o propio pergamiño, dende estilos moi diferentes.