A comezos do inverno austral de 1945, no apartamento R, 7.º andar do 2605 da avenida Belgrano, Buenos Aires, Castelao aumenta a escala, pasa a lenzo e dálle cor con óleo ao motivo exacto da estampa sexta do seu Galicia Mártir, álbum que editara en febreiro de 1937 en Valencia o Ministerio de Propaganda da República. Velaí a orixe d’A derradeira leición do mestre, cadro que xera polémica estes días. O debuxo inspirador, en tinta chinesa negra, xunto co resto de orixinais dos tres cartafoles de guerra, motivados pola barbarie fascista -o citado Galicia Mártir, Atila en Galicia e Milicianos-, custódianse, dende finais dos 60, no Museo de Pontevedra. Foinos mandando, por quendas, Rodolfo Prada, correlixionario, amigo e testamenteiro do xenial rianxeiro. Pero volvamos aos vai e vén da estarrecedora pintura. Dende a vivenda (propiedade de Manuel Puente) ocupada por Castelao e a súa dona, Virxinia Pereira, a obra percorre, vésperas do 17 de agosto daquel 1945, só seis cuadras, ata o 2196 da mesma avenida, sede do Orensano. Fronte por fronte da entrada principal do Centro Gallego; Belgrano esquina Pasco. Na biblioteca do fogar ourensao tivo Castelao acomodo, dende 1940, ano no que chega ao exilio bonaerense, ata 1950, cando falece, precisamente na habitación 202 do sanatorio do Centro Gallego, Belgrano 2199. A derradeira leición do mestre, pensada para o noveno cabodano do vil fusilamento, na Caeira, de Alexandre Bóveda, permanecerá pendurada dunha parede daquela casa, epicentro político-cultural da Irmandade Galega (reflexo do Partido Galeguista na América), por vontade do seu autor. Alí, con once ou doce anos -acompañando a meu pai, socio da entidade- batín co cadro. Lembro que me impresionou polo tamaño, enorme para alguén tan pouco afeito, e polos nenos, tristes, mal trazados. Volvín estremecer coa Derradeira leición en 1989, pero no número 1841, de Belgrano, claro. No antigo Lar do Lucense, daquela xa Centro Galicia, digno herdeiro dos catro provinciais. Agora está no Once, Balbanera, Bartolomé Mitre 2552. De par do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, dobrando a esquina, en Paso 51. Todo un símbolo de noso que nunca saíu dun barrio porteño. Hora é de que veña, mais para volver alá. Cómpre na Galicia Ideal, onde somos historia, presente e futuro.