Alicerce e devoción

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

26 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estabamos na Rúa Travesa de Compostela con Ramón Martínez López, na taberna do Xa Chegou, e Carlos dirixíndose a min dixo, pondo cara de ferreiro: «Mañá toca erguerse cedo, imos a Mondoñedo e de alí subiremos ó Cadramón, onda un cesteiro que hai en Guilfonso». Don Ramón, que intentaba convencernos, con entusiasmo, de que entrasemos no PG, acabado de refundar, quedou coa palabra no aire, retirou o polgar dereito do peto do chaleque -máis ben colete polo corte- e abandonando a elegante postura, colleu a cunca de pedra con dous dedos e enviouna dun grolo. Acórdame sempre este detalle, que asocio a un tempo, finais dos 70, no que tiven a sorte de colaborar con Carlos García Martínez, María Xosé Fernández Cerviño, Fernando Acuña Castroviejo, Justo Beramendi, Rafael Baltar, Salvador García-Bodaño e outros, na montaxe das primeiras salas do Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval. O director era o entrañable e sabio Antonio Fraguas -tan merecente do Día das Letras que ata parece que xa o fose, pero non-, don Antonio, antes responsable do vello Museo Municipal, a quen Carlos, estratega sen par, ilusionara con cariño e respecto co MPG porque consideraba «ós vellos», e iles tamén o respectaban moito. Coñeceramonos no Padre Sarmiento, recén chegado eu a Santiago, a comezos dos prodixiosos 70 un día que Alonso del Real mo presentou así: «Este es Drácula».

Caémonos ben, aínda que entón non vestíamos en ideas. Normal, levábame sete anos e era un referente na investigación da historia e da etnografía; eu, un estudante desnortado. Serio e con trazas de tipo duro, actuaba como o que agora se denomina colega. Exercía un trato cercano, solidario e peripatético. Camiñar con il por Compostela -nun itinerario estricto que ninguén, por achegado que fose, podía cambiar- era un privilexio, fonte de información e, sobre todo, vincallo con sectores galeguistas que a progresía desprezaba, sen coñecelos, claro. Quizais fose Carlos a persoa que maior influencia exerceu en min. Por iso, polo moito que lle debo, volto hoxe con il ó Cadramón, ó pé da misteriosa bicha con cabeza humana da Pena Abaladoira, para escorrentarmos xuntos a morte.