
Poderán verse filmes de Laxe, Toucedo, Canoura, Cameselle e Fazáns, entre outros cineastas
20 abr 2018 . Actualizado a las 13:46 h.As últimas producións de máis dunha decena de cineastas galegos poderán verse en dous dos festivais desta primavera, o Play-Doc de Tui, centrado en documentais e que se celebrará entre o vindeiro xoves 26 e o 1 de maio, e o de Cans, do 23 ao 26 de maio. Ambas as citas coincidiron onte en ir avanzando os contidos da edición deste ano, nas que se poderá comprobar a variedade e liberdade creativa que caracterizan os filmes seleccionados.
En Cans son tres as cintas con selo galego que se poderán ver no festival deste ano: trátase de British Winters, codirixida por Roque Cameselle e Andrew Turner; A estación violenta, o debut longo de Anxos Fazáns; e Sevilla y Gomorra, de Ángel Filgueira.
Pola súa banda, a sección de cinema galego do Play-Doc programou os filmes Alberto García Alix. La línea de la sombra, de Nicolás Combarro; Algunhas nubes flotan lonxanas, de Gonzalo E. Veloso; M., de Ángel Santos; Nueva Galicia, de Iván Nespereira; O salvaxe leva o seu tempo, de Óliver Laxe; O fareiro de Sálvora, de Gloria Vilches; Os fillos da vide, de Ana Domínguez; Salitre nas veas, de Adrián Canoura; e Trinta lumes, de Diana Toucedo.
O Play-Doc tamén convidou a Óliver Laxe, Eloy Enciso e Lois Patiño a explicar en público os seus procesos creativos, que compartirán a través dos filmes nos que traballan actualmente. Ademais, dedicará a retrospectiva principal ao director underground norteamericano Peter Emanuel Goldman e afondará nas filmografías dos brasileiros Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias. O 1 de maio celebrará tamén o Día do Cinema Doméstico.
Pola súa banda, Cans presentou tamén onte a súa canción oficial, Cans & Cadelas, composta e gravada por Magín Blanco.