O folclore galego amosa a súa fortaleza con tres días de foliada en Santiago
![Montse García Iglesias](https://img.lavdg.com/sc/CoSL4e3EV2hbStnFJeNbkWEKMvg=/75x75/perfiles/112/1623443693081_thumb.jpg)
CULTURA
![](https://img.lavdg.com/sc/RYxx8T3w0zjXcScLfe23e53qdxE=/480x/2018/06/07/00121528328400741381116/Foto/S27D5042.jpg)
Serán?01 é o primeiro encontro de todo o sector, que suma máis de 700 grupos
07 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Máis de setecentos grupos folclóricos que reúnen a 40.000 rapaces e maiores e 236 entidades empresariais vinculadas ao sector inscritas na Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dende teceláns a luthiers ou modistas... Son só algúns dos números que reflicten o que supón o baile e a música tradicional galegos na actualidade. Lonxe de apagarse, á vez que pola perda de poboación esmorece o medio rural, traspasou fronteiras da man dos emigrantes e tamén dos intérpretes que o levan por escenarios de todo o mundo. E agora vai dar un paso máis na súa conquista de recoñecemento coa súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). E para festexalo nace o Serán’01. Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional, que dende mañá ata o domingo reunirá a un milleiro de artistas e tamén ao resto de profesionais ligados ao sector, na Cidade da Cultura en Santiago.
«É o primeiro encontro de todo o sector. Nunca se fixera, porque non é só baile e música, tamén son os artesáns que fan as cousas, tanto instrumentos como vestiario, empresas de servizos (luz, sons...), festivais...», explica o director artístico deste encontro, Quique Peón, a persoa que propuxo á Xunta este proxecto. A cita, que programa máis de 40 actuacións, arrancará mañá ás 16 horas coa apertura dunha feira que contará con medio cento de postos e rematará o domingo ás 19 horas despois de que polo escenario pasen agrupacións folclóricas, coros, grupos e tamén os chamados informantes, persoas que serviron de fonte viva para manter a tradición. «Queremos poñer ao mesmo nivel os informantes, os grupos folclóricos do país que maman deses informantes e os artistas consagrados do país que á vez maman deses grupos. Igualar a todos no escenario», destaca Peón, que lembra tamén o relevante impacto económico que ten o sector, «ata agora nunca cuantificado».
Informantes e artistas
Na primeira xornada, destaca o Festival Folclórico, que, a partir das 21 horas, reunirá a oito dos grupos de baile tradicional de referencia: Cantigas e Agarimos, Eidos, Cantigas e Frores, Brincadeira, Lembranzas Galegas, Castro Floxo, Xacarandaina e O Fiadeiro. O sábado será o día do Foliadón, cinco horas nas que actuarán man a man artistas galegos consagrados, grupos de música tradicional e os informantes. A máis dunha trintena de persoas chegadas de diferentes aldeas que transmitiron a música tradicional, únenselle Ugía Pedreira, Davide Salvado, Xisco Feijoo, Susana Seivane, Uxía, Tanxugueiras, Os Melidaos, Leilía e Xosé Manuel Budiño. Tamén participarán os grupos Xiradela, Raigañas, Lagharteiras, Xacarandaina, Donaire, Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro, Arume de Verdillo, As Rinchonas e Trébede. Na última xornada haberá un desfile de traxes tradicionais antigos e reconstrucións. O peche será cun concerto de coros históricos con Toxos e Froles e De Ruada.
A estas actuacións engadiránselle exposicións, como a de mantóns de Manila, obradoiros infantís, conferencias e clases maxistrais -que teñen xa todas as prazas esgotadas-.
Con esta cita que arrinca mañá e que ten vocación de continuidade nos próximos anos, tamén queren poñer de manifesto que o folclore galego é o máis vivo de toda Europa. ¿Por que? «Porque se conservou no medio rural moito máis que no resto de países de Europa. E dende hai 40 anos fixemos un traballo de recollida de campo, gravación e de posta en valor e escena tentando non desvirtuar ningún detalle. Entón, está moi vivo. Non o dicimos nós, dino no eido do folclore a nivel europeo», explica Quique Peón. Tamén continúa moi presente porque «os galegos amamos o noso. Ademais, o folclore galego é bonito, ten unha disciplina escénica e coreográfica que non teñen outros folclores da Península. A xente ámao. Isto de ver unha romaría sen un grupo de gaiteiros non é festa». Tras a declaración como BIC, o obxectivo será o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. Porque a festa non se acaba sen a muiñeira de Chantada.