O proxecto de reconstrución das dúas arpas que aparecen na arquivolta da igrexa foi financiado polo Concello de Noia e levado a cabo polo «luthier» Luis Martins
23 jul 2018 . Actualizado a las 12:30 h.A igrexa de San Martiño, en Noia, garda na súa arquivolta -realizada no ano 1434-, instrumentos de distinto tipo. Entre todos, hai dúas arpas que foron levadas da pedra á madeira grazas a un proxecto de reconstrución financiado polo Concello de Noia, impulsor da idea no 250.º aniversario da vila. O arpista e director artístico do festival Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, asesorou o proceso de recreación dunhas arpas que, nas súas propias palabras, «están entre o románico e o gótico, algo que as fai moi especiais». Aínda que non se saben moitas cousas delas, ambas «están feitas con madeiras do país», sinala Romaní, que tamén indica que optaron por «utilizar cordas de tripas nunha e de metal na outra, o que lles dá sonoridades moi diferentes ás dúas».
O encargado da fabricación foi o luthier galego Luis Martins, especialista neste instrumento, e que, ao igual que Romaní, destaca a aposta que fixeron utilizando cordas metálicas, xa que «habendo dúas, pensamos que o mellor era encordar tanto con tripas como con bronce», indica o artesán. Aínda que o metal non era algo habitual na época, si que se usaba en países como Irlanda ou Escocia, e grazas a isto conséguese «unha sonoridade impresionante», segundo explica o luthier. Martins, que se dedica fundamentalmente á realización de arpas modernas, xa fixera algunha reprodución de modelos históricos, baseándose en distintos debuxos. Unha diferenza a respecto das modernas, di Martins, «é o tamaño da caixa», xa que «naquela época estas arpas tocábanse máis no colo, polo que as caixas eran de menor tamaño». Sobre a súa construción, o artesán explica que «hai partes nas que non queda outra que imaxinar», e pon o exemplo dunha delas, á que lle falta un cacho de pedra na arquivolta e que obriga a «inventar un pouco». Para sacar as súas dimensións, Martins di que «o importante é ver as proporcións do instrumento en relación coa persoa que o sostén», e que procurou en todo momento «pensar como pensarían os artesáns da época».
Presentación en sociedade
A primeira presentación en sociedade das arpas terá lugar o vindeiro 27 de xullo no teatro coliseo Noela, con entrada de balde. O acto contará cunha charla do propio Martins, responsable da reconstrución, e cunha actuación do grupo Noia Harp Consort, que interpretará música medieval e renacentista. A agrupación, integrada por cinco músicos, conta con Rodrigo Romaní e Alba Barreiro, que serán os encargados de facer soar as arpas. Catro días despois deste encontro, tamén se poderán escoitar nun concerto de Carlos Núñez, no que Rodrigo Romaní volverá tocar unha delas xunto con Arianna Savall, que tocará a outra. Cando remate o festival, as arpas quedarán en exhibición. Ademais, vaise elaborar un protocolo de préstamo, xa que os instrumentos, anota Romaní, «a diferenza doutras pezas de patrimonio, necesitan ser tocados para que non se boten a perder». Despois desta primeira fase de reconstrución, ligada ao festival noiés, Romaní adianta que «tamén hai un proxecto máis ambicioso no que se pretende reconstruír o resto de instrumentos que aparecen na arquivolta da igrexa de San Martiño».