Patrimonio salva unha necrópole de 12 mámoas en Mazaricos

La Voz MAZARICOS / CORRESPONSAL

CULTURA

A contorna, de gran relevancia histórica e medioambiental, corría o risco de desaparecer
A contorna, de gran relevancia histórica e medioambiental, corría o risco de desaparecer

Corría o risco de desaparecer a causa dos traballos forestais que se veñen desenvolvendo nos últimos anos

10 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante a presente semana remataron os traballos de limpeza, protección e posta en valor de Pedras Miúdas, unha necrópole tumularia formada por 12 mámoas situada nas inmediacións do núcleo das Abeleiroas, no concello de Mazaricos.

Esta contorna de gran relevancia dende o punto de vista histórico e medioambiental corría serio risco de desaparición debido aos traballos forestais que se veñen levando a cabo na zona durante os últimos anos. De aí a importancia do plan de conservación e posta en valor promovido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Os traballos neste xacemento arqueolóxico iniciáronse no 2017 e desenvolvéronse en dúas fases. Nunha primeira levouse a cabo un estudo ecolóxico e medioambiental, consistente na análise dos diferentes hábitats presentes na zona da necrópole tumularia, así como dos seus potenciais problemas de conservación. Baixo a supervisión do doutor en bioloxía Luis Enrique Tapia del Río estudouse a caracterización da flora, fauna e o estado de conservación dos hábitats, así como un estudo da paisaxe na avaliación do impacto ambiental de cara á recuperación paisaxística e arqueolóxica do contorno.  

Roza e limpeza

Posteriormente procedeuse á roza e limpeza vexetal dunha superficie de máis de 10.700 metros cadrados, tarefas que correron a cargo do departamento de Obras do Concello de Mazaricos e que foron dirixidas pola arqueóloga Nina Alvela Figueira. De xeito paralelo, tamén se afrontou a sinalización da necrópole tumularia mediante a colocación de varias balizas indicadoras de dirección en todo o seu perímetro, e coa instalación dun panel informativo de gran tamaño na entrada do recinto.

A relevancia do xacemento de Pedras Miúdas apunta á continuidade dos traballos a curto e medio prazo. Por un lado, xa existe o compromiso da posta en marcha dun plan anual de limpeza que permita seguir mantendo o seu bo estado de conservación e, por outro, o interese dos técnicos en seguir estudando todo o que agocha este complexo megalítico.  

Túmulos visibles

«Farase unha limpeza anual de toda a zona co obxectivo de que os túmulos estean visibles e se diferencie a súa vexetación específica da existente no resto do monte», explica Nina Alvela Figueira, que resalta a necesidade de preservar un ecosistema no que conviven distintos tipos de aves rapaces autóctonas cunha flora moi característica, onde abunda a carroucha, o toxo bravo pequeno e o carballo anano, unha especie da que, ata o momento, só se tiña coñecemento da existencia dunha poboación máis ou menos numerosa no monte Pindo.

Non menos importante, porén, parece ser Pedras Miúdas dende o punto de vista arqueolóxico. Á gran cantidade de mámoas existente únese o feito de que unha delas atópase situada nunha zona de turbeira, formada na época glacial, segundo os entendidos. «A turba ten a propiedade de conservar moi ben os materiais, de aí a importancia que podería ter o estudo da mámoa que se atopa nesta área», explica a técnica de Patrimonio, quen, se ben recoñece o custoso que sería a súa escavación, si abre a posibilidade a realizar estudos desta mámoa mediante a utilización de novas tecnoloxías e innovadores sistemas de análise.

Neste sentido, Alvela Figueira agarda que o interese amosado recentemente pola Deputación provincial para poñer en marcha o plan do megalitismo da Costa da Morte sirva para potenciar o estudo de xacementos deste tipo e permita a continuidade dos traballos de recuperación e posta en valor destas necrópoles.

Esta área está ameazada polas prácticas forestais agresivas, que comportan efectos moi negativos, tanto sobre o ecosistema como sobre o patrimonio cultural.