![](https://img.lavdg.com/sc/ONObdKaSVwyfI6JO99UQrz2x60Q=/480x/2018/12/20/00121545340204415237610/Foto/j20d8065.jpg)
Xiana do Teixeiro reflexiona sobre o patriarcado e a violencia sexual en «Tódalas mulleres que coñezo»
21 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Ás veces só sae así. Se é que chega a saír. A fiestra, de súpeto, ábrese na última fila dunha aula de facultade. E quen se asoma ao teu interior é unha compañeira. Que descubre que non importa a cidade. Nin tampouco o círculo de amizades. Nin o contorno. É sempre a mesma historia. O terror. A vulnerabilidade. O silencio. Descubre que a violencia sexual é estrutural, non persoal. E pronuncia unha frase: «Todas as mulleres que coñezo». Todas, as que falan, contan algunha historia de terror machista.
É así como nacen as películas. Como naceu a película de Xiana do Teixeiro, que era aquela compañeira á que lle relataron unha agresión sexual nunha clase. Unha película necesaria que hoxe se estrea en Numax, e que leva por título aquela revelación que tivo nunha aula da facultade: Tódalas mulleres que coñezo é a narrativa dun terror tamén estrutural, que o sistema fai aniñar dende a infancia e que alimenta toda a vida.
É un relato do medo sen contribuír a fomentar ese pavor, que é tamén un mecanismo de control do sistema patriarcal. Unha película en tres actos. Un manifesto feminista nun branco e negro intencionado, que iguala o tríptico e que pode remitir «a unha xenealoxía das mulleres, do feminino a través da violencia». Branco e negro que distancia ás protagonistas do seu propio discurso. Que mudan de pel a cada proxección engadindo unha nova crítica.
Tódalas mulleres que coñezo é unha narrativa en tríptico que ten como imaxe central a conversa entre catro amigas, que vira cara ás violencias sexuais e na que «todas se van atopando reflectidas nas testemuñas das outras e vai aparecendo este relato entretecido, colectivo, de achegas, de descubertas e tamén de compartir», explica a directora dun filme que, ademais, ten un equipo enteiramente feminino.
Neses encontros «as mulleres somos capaces de volver a acceder a experiencias propias nas que non pensaramos nunca máis, que tiñamos bloqueadas ou que non tiveramos oportunidade de revisar dende outro lugar». Ese outro lugar é tamén a butaca. O relato colectivo da violencia traspasa a pantalla para instalarse a carón de quen mira, que se descubre volvendo sobre os seus pasos. Revisando a súa propia experiencia. «Toda a posta en escena incita insistentemente a iso. Intentei poñerllo moi difícil á persoa espectadora para non remitirse á súa propia biografía». Identificada co xénero que sexa, quen mira ten un rol nas experiencias que alí se relatan. E un lugar ao que regresar.
Un espazo seguro
É unha narración dos espazos. O espazo seguro do grupo de amigas que se narran a si mesmas dende a frustración de descubrir que teñen construído a súa identidade de mulleres no relato da desigualdade. Un encontro que é tamén unha festa. «O humor permite tomar distancia e entender o absurdo de certas lóxicas da ideoloxía patriarcal». E á vez, o espazo público. A rúa. E tamén a noite, «lugares que son de acceso máis difícil ou que codifica como tal o relato patriarcal».
É tamén a casa. O doméstico. «Os espazos que politicamente son máis insignificantes, que están no fondo da escala da pirámide de valores da nosa democracia participativa, son tamén lugares dende onde se pode compartir e incluso conspirar». No salón e na cociña fálase de maternidade. De educación. E tamén de incomprensión. De rabia.
Está a institución. O terceiro acto acontece na escola. Dende onde tamén se pode cuestionar o discurso oficial. A fraude da igualdade. «Queriamos tomar unha foto da primeira reacción que xorde da xente nova, rapaces e rapazas que conviven e que en principio están suxeitos ás mesmas normas, espazos e prácticas. Era unha oportunidade para asomarnos a esa idea que circula por toda a película do abismo de xénero». As experiencias duns e outras son radicalmente diferentes e ademais, «uns nos teñen nin idea das outras: de súa nai, de súa irmá, das súas compañeiras». Discursos feministas de sólidos alicerces conviven con pasotismo, silencio e tamén reflexións politicamente correctas. Chega o epílogo. Tres persoas do grupo senten a necesidade de contextualizar e de protestar contra iso: os discursos baleiros, compracentes. Completamente distintos aos que manteñen noutros contextos.