Biografía e vindicación de Rafael Dieste

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A biografía percorre as circunstancias vitais de Dieste e detense na súa obra literaria
A biografía percorre as circunstancias vitais de Dieste e detense na súa obra literaria XABIER IGLESIAS

Luís Rei Núñez publica unha nova achega vital ao «escritor total» na que defende a súa altura moral e argumenta a necesidade dunha maior atención á súa obra

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«No constante exercicio da intelixencia, presente desde mostras ben precoces, na indesmaiable tenacidade, cunha avidez que non lle impedía un delicado avanzar con pés de la, e na insubornable ansia de coñecemento, espallada en amplísimos dominios; ademais, xaora, e de xeito perenne, no cultivo dunha escrita que intenta axudar a ser e facer mellores persoas».

Nestes trazos radica o «toque Dieste», a xuízo de Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958), unhas liñas que operan tamén como resumo de urxencia da biografía Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais) que lle vén de dedicar a un autor que considera un «escritor total». O biógrafo cre que Dieste fixo gala en vida dun carácter discreto e que a súa obra resístese á catalogación, factores que explican que, a seu xuízo, os seus libros merecerían unha maior atención, acorde coa súa calidade. Ese é o obxecto do seu libro, biografía e vindicación de Dieste, aínda que Luís Rei advirte de que non se trata dunha achega académica, senón unha visión vital pasada pola peneira da narrativa.

En realidade, é un proxecto que se remonta varias décadas no pasado. Luís rei tratou con frecuencia a Dieste (Rianxo, 1899-Santiago, 1981) nos últimos tres anos de vida. Posteriormente ao seu falecemento, mantería longas conversas coa súa viúva, Carmen Muñoz, un material que daría forma á biografía A travesía dun século. Un traballo que cando agora o seu autor se puxo a revisar co propósito dunha reedición con mínimos cambios medrou ata se converter nun libro completamente distinto. O escritor e xornalista argumenta como motores desa transformación a dispoñibilidade de materiais novos cos que antes non contaba: o epistolario de Dieste, a aparición dalgúns inéditos, a publicación de estudos académicos. Con todo isto, O libre pensamento gañou en profundidade con respecto a A travesía dun século, aínda que mantén a mesma estrutura cronolóxica para debullar unha vida que de moitos xeitos actúa como espello do século XX.

O percorrido vital de Dieste permite seguir distintas circunstancias cruciais para a Galicia contemporánea: a emigración, a xénese e desenvolvemento do nacionalismo, político e literario, o Estatuto e a Guerra Civil, o exilio e a reconstrución cultural do galeguismo na longa noite de pedra do franquismo. Luís Rei cita como fito a súa participación nas Misións Pedagóxicas, que o puxo en contacto con personalidades como a de Lorca. É un exemplo doutra faceta de Dieste, a de vencello con outros intelectuais: Octavio Paz, María Zambrano, Neruda, André Gide... sen esquecer os seus proxectos con Luís Seoane ou Lorenzo Varela. Eran estas as conexións que centraron aquelas conversas de Luís Rei Núñez con Dieste. «Para a nosa xeración, que estaba a vivir a restauración democrática despois da ditadura, era importante mergullarse na memoria do pasado, naquel período de reforma que fora a República», polo que Dieste representaba un fío directo con aquel tempo.

Para o biógrafo, Dieste tamén destacaba pola súa altura ética -«hai un autorretrato moral na súa obra literaria», sostén-, que o situaba nas «antípodas dos canallas». Unha vez máis, tamén na súa escrita: «Nos seus libros hai unha visión que reconcilia ao lector co mundo». Uns títulos que Luís Rei cre que deberían recibir maior atención. Tralo seu regreso a Galicia 1961 mantivo un perfil baixo, que só se reactivou coa publicación en 1973 por Alianza de Historias e invenciones de Félix Muriel. O foco volveu iluminalo cando en 1995 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, aínda que logo volveu «a unha zona de penumbra da que non dá saído», láiase Luís Rei, quen cre que achegarse a Dieste sempre paga a pena. «Foi un escritor total. Na súa obra hai narrativa, teatro, ensaio, tamén poesía. Son as catro esquinas da mesa», conclúe.